EEUU 5 xuño. Segunda parte. Oklahoma City , Gramby ,Thomson Springs-



 

A nosa viaxe continúa.
 
Estamos a 5 de xuño, hoxe toca viaxar cara  a Oklahoma, concretamente imos a Oklahoma City e agárdannos unhas cantas horas de bus. Pero a xornada non comeza ben, chegamos á estación de autobuses para coller o Greyhound que sae ás 6:30, e ás 6:40 dinnos que o autobús vai ter un atraso de 2 ou 3 horas, que non hai chofer. Aquí ninguén di nada, todos esperan e con resignación, pasan as horas e non hai noticias, e o que hai é contraditorio, comentarios duns e doutros, os empregados da compañía non saben nada e finalmente despois de 5 horas, dinnos que queda cancelado e que non hai billetes de autobús, ata  dentro de dous días, e se o queriamos ben, e se non, non nos devolverían o diñeiro. Tiñamos un piso reservado en Oklahoma, tiñamos que buscar alternativas, facer algo, os voos para o día moi caros, 800 euros, o único tren saía moi xusto e ademais tiñamos que ir a Forth Worth primeiro, que está moi cerca pero os horarios tiñan que ser moi axustados para conseguir coller o último tren de Forth Worth a Oklahoma City, moi apretados, e se non chegabamos ao tren, estabamos presos outra vez. Tamén na estación, había un pai e unha filla que estaban na mesma situación que nós, eran mexicanos, ían visitar o seu fillo e irmán e fálannos doutra empresa mexicana de autobuses, que trae xente de México a USA, e que pasa por Oklahoma, que hai un espazo libre, a empresa chámase El Conejo; pareceunos gracioso, unha broma, pero existía...., chamamos pero non nos fixeron a reserva, porén nos confirmounos que quedaban 2 prazas, a estación de El Conejo estaba lonxe da cidade e collimos un FLY,  eran as 15:30. mercamos o billete e tivemos que agardar ata as 22.00 horas. que é cando sae o autobús, PERDEMOS case un día no noso novo destino Ocklahoma City.😌
 
 A espera en Dallas, o autobús que nunca saíu.
 
 

Estación de autobuses "El Conejo".
 


 
A carón das oficinas da estación de EL CONEJO hai un enorme mercado mexicano cuberto e con aire  acondicionado, ía moita calor, e fomos comer algo, tomamos uns auténticos tacos e quesadillas, deliciosos e demos uns paseos polo bazar, había de todo, botas, traxes de charro, flores de plástico, mobles, electrónica... un mercado moi vistoso, reconfortounos porque había un par de horas viámonos durmindo na rúa. Ás 22:00 horas chegou o autobús, cargado de mexicanos e si había dúas prazas, ao final saíu ás 23:00 horas e chegamos ao noso destino ás 2:30 horas.
 
Na estación, como comentei,  atopámonos con María e Luis,  filla e pai  que quedaron coma nós sen o autobús, ían a Kansas visitar o seu irmán e foron eles os que nos informaron da posibilidade de ir noutra empresa. Tamén axudaron a outros paisanos deles, un xa non tiña dólares, gastáraos no outro autobús, agardaban por el para un traballo en Wisconsin pero non tiña como chegar, ao final María deixoulle o seu teléfono para que chamara á empresa e lle mandara uns dólares, a outra señora que parecía perdida e desorientada, tampouco lle quedaban cartos para outro billete e todo isto por culpa dunha empresa moi mal xestionada, á que estaba claro que non lle importaba nada o que alí pasaba. A mítica empresa Greyhound a dos autobuses coa silueta do galgo está en decadencia, a ver se agora que a mercou a alemana Flixbus, comeza a funcionar mellor. María e Luís estaban preocupados e tristes pero non podían axudalos. Como eles tamén ían coller o "Conejo" falamos moito, pois a espera para o novo bus foi de 6 horas, Luís contounos que cruzou o Río Grande 3 veces para chegar a EEUU por Arizona e en dúas delas devolvérono ao cruzar, noutra ocasión puido chegar a Alabama e traballou de soldador, pero a morriña da súa familia fíxoo volver, xa non pensa na emigración, vive en Veracruz traballando na construción. Animábanos a visitar Veracruz e aseguraban que alí non había narcos perigosos e que todo era moi tranquilo.
 
O 6 de xuño chegamos por fin a Ocklahoma City, e tiñamos a nosa casiña agardando por nós!!!
 

 

 
Pasamos a mañá resolvendo asuntos domésticos e descansando do “tute” do día anterior, e parte da noite. Despois de comer fomos ver o Memorial da cidade de Oklahoma, que está dedicado ao atentado do 19 de novembro de 1995, no que morreron 168 persoas, entre elas 19 nenos, eran nenos pequenos que estaban na gardería do edificio federal.  Ás 9:02, pola mañá, unha terrible detonación dun camión cargado con 2.300 quilos de explosivos partiu en dous os nove pisos do edificio de xestión de augas, cristais rotos, coches queimados,... un ataque terrorista explosivo foi perpetrado por Timothy McVeigh e Terry Nichols, o líder era un veterano da guerra do Golfo. Foi condenado a morte.
 

 

Seguimos coñecendo a cidade e dirixímonos á zona máis animada, bares, restaurantes, xardíns e tamén unha pequena canle pola que circulaban barcos con xente.




 

De camiño á zona da marcha atopámonos con varias paredes con graffitis , moi curiosas, póñovos algunhas para que vexades. Está claro que Oklahoma City era unha das referencias do salvaxe oeste.

 




Xa estamos no 7 de xuño, e imos ir ao National Cowboy Western Heritage Museum, estaba lonxe do noso apartamento, entre o autobús e o paseo, tiñamos moita calor no camiño a pesar de que chovía pola mañá e con alarma de inundación. O museo é moi interesante, recibiu máis de 10 millóns de visitantes dende a súa inauguración en 1955. Entrar no museo é como entrar nunha película do western, ver os diferentes elementos que John Wayne utilizaba nara as súas películas, así como os distintos elementos indíxenas.Todo moi ben montado. Podes subir nun modelo de dilixencia de Wells Fargo. No seu interior atópase unha reprodución a tamaño real do que foi uha vila do Far West, con cantina, escola, igrexa, banco, etc. Hai unha sala con coleccións de pinturas sobre o tema, dende obras clásicas do XIX e principios do século XX, museo moi interesante e divertido cunha cantidade inmensa de obxectos, fotos, pinturas, esculturas, montaxes.



 

 





Pasamos o día, e ao pórse o sol fomos á zona de bares, tendas, a pasear, a coñecer as zonas nas que non estivemos na cidade e a tomar unha cervexa, ao día seguinte voabamos a Denver, a capital de Colorado,  tiñamos que recoller o apartamento, para deixalo todo en orde.

Estamos a 8 de xuño. Para trasladarnos a Denver, como xa o comentabamos, iamos en avión, tiñamos que coller un taxi, Lift,  para achegarnos ao aeroporto, moi cedo ese día,  empezou a chover  en exceso, e foi o único xeito que tivemos e non coller unha boa molladura!! e cobrounos 57 dólares.

Iamos a Denver  coller un coche de aluguer, un jeep 4 X 4, automático, o seguro moi caro, e unha vez arranxados todos os trámites coa empresa de aluguer fomos a Gramby, unha vila nas Montañas Rochosas á que chegamos xa de noite, fomos ao supermercado comprar cousas básicas e ceamos no apartamento.

O noso coche!!!


Unha das visitas que fixemos foi ao Parque Nacional das Montañas Rochosas.Todo o percorrido que fixemos foi no coche. A ruta é unha estrada de montaña en moi bo estado de conservación e moi ben sinalizada. Acada ​​unha altura máxima de 3900 metros sobre o nivel do mar. Hai moitas paradas con cousas interesantes para observar e gozar. É habitual atopar un animal solto pola estrada, o que fai que non poidas evitar facer fotos.



 

 O parque está atravesado polo río Colorado, as montañas están continuamente como pano de fondo.


Chamounos a atención como o val estaba todo queimado, pero puidemos ver que non estaba abandonado, a leña estaba amontoada, tiña forma de tipi , recordounos á tenda india.


 

Tamén achegámonos Grand Lake, que se atopa a unha altura de 8.369 pés (2.551 m), na entrada oeste do Parque Nacional das Montañas Rochosas.



Grand Lake e ao fondo as Rochosas. 

Despois de dar unha volta polo lago fomos à vila tomar algo, é unha pobación de poucos habitantes, pero moi turístico, e moi animado, deixámosvos un vídeo, e xa vedes...😉


 

En Gramby estivemos nun complexo de apartamentos, cun pequeno supermercado.

Camiñando ao apartamento, despois do super.


 Vista dende a nosa terraza


Dende Gramby fomos a Thomson Springs,

Tivemos que reestruturar a viaxe, porque tiñamos un coche alugado en Colorado, e non podíamos saír do Estado, o obxectivo era  Las Vegas pero era imposible chegar hasta Nevada, só se nos permitía saír cara a Mohave en Utah e cara a Cheyenne en Wayoming, o novo planing fixémolo nunha mañá para atopar aloxamento para os días restantes de viaxe . Xa vos contamos... porque será para a próxima crónica.

Os lugares polos que podemos movernos co coche, podedes ver no mapa a multa que recibiriamos...se nos mudásemos a outras cidades.


 Vémonos na próxima.😉

 

 

 


Comentarios

Entradas populares de este blog

Viaxe á Bretaña Francesa Setembro 2020

Viaxe ao Deserto. Marroco, Decembro de 2022

Fin da Viaxe:Thomson Springs, Rangely, Cheyenne , Denver, Houston.