Uns días en Xapón. Marzo 2024

É moi difícil contar esta viaxe. Era unha viaxe planificada. Fomos cun grupo de amigos. Estamos afeitos a planificar viaxes pero ista foi unha viaxe diferente Vimos moitas cousas en moi pouco tempo e quero contarvos todo. Espero que o gocedes tanto coma nós.

En primeiro lugar, quero falar dos xaponeses. Xapón é coñecido pola súa hospitalidade e o seu carácter respectuoso, organizado e honesto. Isto reflíctese na súa vida cotiá. Vese tanto no transporte público como na rúa. Dan grazas por todo. O xesto de inclinar a cabeza ou a parte superior do torso é unha sinal de saúdo, reverencia, gratitude ou desculpas.

En Toquio, unha megalópole de máis de 30 millóns de habitantes, non hai lixos, non hai nin un só papel no chan. Non hai contedores de lixo para recoller residuos nas rúas. Despois duns días de viaxe por Xapón, dáste conta de que non tes onde deixar o teu lixo, tes que gardalo para poder tiralo no hotel, ou onde esteas. Só fan isto os xaponeses. Noutros países aos que viaxei, non o vin. Non é que limpen moito, non é necesario, é que non manchan. Os baños dos bares máis cutres están impecables.

Os baños, fíxate no mecanismo que teñen para o seu uso, para a hixiene persoal: o dos nenos, o dun hotel e o do aeroporto.





Foi un país que me impresionou moito. É unha cuestión de raíces culturais. Está claro. Podería estar escribindo e falando de costumes xaponeses moito tempo, pero vou comezar a falarvos da propia viaxe.

Estivemos  9 días e vimos moito en tan poucos días. Visitamos grandes cidades e pequenas aldeas. Tratarei de resumir e ao mesmo tempo contar as nosas experiencias.

Vou comezar por Toquio. Estivemos tres noitesA metrópole máis poboada do mundo é a capital de Xapón. É famosa pola súa moda e zonas comerciais. Os barrios comerciais de moda de Harajuku e Shibuya, así como as tendas emblemáticas de luxo de Ginza.

A primeira visita que fixemos foi ao santuario Meiji, un santuario xintoísta dos anos 20 rodeado por un vasto bosque e dedicado ao emperador e emperatriz Meiji, Un bosque que abarca unha superficie de 700.000 m² (uns 175 acres) e contén 120.000 árbores de 365 especies diferentes. Esta árbores  foron doadas pola xente de todo Xapón cando se construíu o santuario. O bosque é moi popular como zona de lecer e tranquilidade no centro de Toquio.O santuario foi destruído durante os bombardeos da II Guerra Mundial e tivo que ser reconstruído en 1958.




A seguinte visita foi a Praza do Palacio Imperial. Só o vimos dende fóra. O Palacio Imperial foi a residencia de sucesivos emperadores desde 1868. Alberga a Residencia Imperial e o Complexo do Palacio Imperial, onde a súa maxestade, o emperador, realiza funcións oficiais. Alí tamén se celebran diversas cerimonias e actividades públicas.

                                                                    Nijubashi

Unha das vistas máis fotografadas do Palacio Imperial son, desde a gran explanada de Kokyo Gaien, as dúas pontes que forman a entrada ao recinto interior do Palacio Imperial: as pontes de Nijubashi. O seu nome significa "ponte dobre".

O templo Sensoji de Asakusa é o templo máis antigo de Toquio.  Alberga unha estatua sagrada de Kannon, a deusa da misericordia. O ambiente no Templo Senso-ji é espectacular; estamos rodeados de xente, postos de comida, artesanía...







Choveunos moito. Quero dicir algo máis dos xaponeses: comparten paraugas. Se xa non os necesitan, déixanos na rúa para que os utilice outra persoa. Pareceume fantástico.
Ao día seguinte, despois do almorzo no hotel (Hotel New Otani), fomos de excursión a Hakone: Un paseo en barco polo lago Ashi.
Situado nun cráter volcánico (caldeira) cun perímetro de 21 quilómetros formouse hai 3.000 anos. Segundo unha famosa lenda xaponesa, un dragón de nove cabezas decidiu vivir alí e estaba aterrorizando a rexión durante o período Nara (710-794). Só un sacrificio humano podería calmar ao dragón.
Un día, un monxe conseguiu maldecir ao dragón, selándoo dentro do lago e, co paso do tempo, o dragón converteuse na divindade protectora do lugar.

A imaxe do lago co monte Fuji ao fondo é a imaxe máis representativa de Hakone que se pode ver nun día claro desde o lago e desde o val de Owakudani, que tamén visitamos. Non tivemos bo tempo; o día era gris e non o vimos. Foi unha mágoa

Hell Valley (Owakudani) é moi popular pola súa actividade volcánica e tamén polos seus deliciosos ovos negros, segundo din, porque non os probamos. Cocido nas augas que ferven na zona. De feito, a lenda di que comer só un destes ovos dáche sete anos máis de vida.

Aínda hoxe, o cráter segue expulsando gases, facendo o terreo moi fráxil e provocando numerosos desprendementos. Tras un accidente masivo en 1910, o goberno de Kanagawa ten desde hai tempo plans de continxencia para a zona, incluíndo plans para controlar a erosión e reforzar a superficie e as zonas montañosas con pedras, chanzos e outras obras de enxeñería.

O val está salpicado de cráteres volcánicos, fontes sulfurosas e fumarolas que emiten vapores sulfurosos.



Owakudani tamén ten un importante significado cultural. Na antigüidade, críase que o val era o fogar dos deuses e estaba asociado con lendas e mitos locais. O lugar era considerado sagrado e usábase para realizar rituais e oracións. Aínda hoxe, Owakudani segue sendo un lugar de importancia espiritual e é visitado por peregrinos e crentes que buscan bendicións e boa fortuna.

Cerimonia da auga para purificar e agradecer.

Pola tarde visitamos o Museo ao Aire Libre de Hakone, un museo de arte contemporánea en plena natureza, xogando moitas veces con ela. O museo destaca polas súas obras ao aire libre e as súas exposicións en interiores, unha fermosa colección de obras de Picasso, así como coleccións centradas en Moore e Rosso.

Hai cinco exposicións en interiores. Unha delas dedicada a Picasso  con máis de 200 pezas. Hai pinturas, debuxos, esculturas, tapices, esmaltes, obxectos de ouro e prata, pero sobre todo destaca unha ampla colección de cerámica. Os obxectos foron adquiridos a través de Maya Picasso, filla do artista con Marie-Thérèse Walter.


De feito, foi o primeiro museo aberto que se inaugurou en Xapón. Inaugurouse en 1969.

La Pleureuse (1986) do francés François-Xavier Lalanne (1927-2008) e a súa esposa Claude. O rostro dunha muller feito de pedra caliza chora bágoas que alimentan unha fonte. O seu cabelo está feito de follas azuis-verdosas.


A verdade é que nos quedou moi pouco tempo para ver este estupendo museo ao aire libre, un lugar perfecto para pasear e estar rodeados de natureza e arte. Visitámolo con présa. Visto e non visto. Precisamos algo máis de tempo para gozalo.

En Xapón, o servizo de traslado de equipaxe de hotel a hotel chámase takkyubin (TA-Q-BIN). É un servizo de paquetería que se usa con frecuencia para enviar maletas entre destinos.

Como funciona: Deixa a túa equipaxe na recepción do teu hotel e eles encargaranse de todos os trámites, garantindo que chegue ao teu destino ao día seguinte. Aínda que non esteas aloxado nun hotel, podes utilizar este servizo enviando a túa equipaxe desde as tendas de barrio do Xapón. Estabamos viaxando cunha axencia, polo que tiñamos todo reservado, pero podes facelo se viaxas de forma independente. Como todos o xaponeses, é unha gran idea.

Ao día seguinte dirixímonos a Quioto así que non tiñamos maletas, só unha mochila co imprescindible, mais non tiñamos que preocuparnos pola equipaxe.

Collemos o autobús ata a estación de Toquio para coller o tren bala Nozomi (que é o máis rápido e fai menos paradas) e dirixímonos a Quioto. En Xapón, a puntualidade non é só unha cuestión de conveniencia, senón un reflexo da cultura e da ética laboral.

Hai ringleiras nas concurridas estacións de tren e autobuses, así como nos aeroportos, onde hai liñas deseñadas para manter a orde e servir de guía para os viaxeiros.

Falar por teléfono móbil nos espazos reducidos dun tren ou autobús considérase groseiro. Son moi respectuosos. Lembro o traxecto en tren de Madrid a Pontevedra, o ruído, as voces, as risas, as conversas telefónicas que todos escoitamos no vagón... moito temos que aprender!


Vimos o monte Fuji dende a fiestra do tren. Os días que estivemos alí o tempo non era propicio para iso. Tivemos sorte.Pois marchariamos de Xapón sen velo. Sería unha mágoa.


Chegamos a Quioto e esperábanos un guía de fala castelá, xunto a un pequeno grupo de españois de Madrid, Murcia, etc., en fin, éramos uns 25.

Fomos ao autobús e antes de ir ao hotel fixemos a primeira visita a Nara. Achegámonos ao templo Todai-ji onde hai unha estatua colosal de Buda.de 57 metros. Foi fundada durante o período Nara (710-784), cando a cidade de Nara era a capital de Xapón. Cando te achegas ao templo Todaiji, ves o cervo sika camiñando cara a ti. Son considerados mensaxeiros dos deuses no xintoísmo. Estes animais deambulan libremente polo parque de Nara, e a súa popularidade entre os visitantes practicamente rivaliza coa do propio templo.

Achéganse aos visitantes e fan unha reverencia ante as galletas de arroz "Shika Senbei" que se lles ofrecen. .Hai máis de 1200 cervos.


Unha vez que vimos o comportamento do cervo, achegámonos ao templo.O corazón do templo de Todaiji é o Daibutsuden, o salón que alberga a colosal estatua do Gran Buda, que con 15 metros de altura é unha das máis grandes do país. Este edificio, considerado a estrutura de madeira máis grande do mundo, alberga non só o Buda Vairocana senón tamén outras importantes iconas budistas.






Tivemos tempo para comer, e achegámonos a unha das zonas cubertas, shotengai. Así se coñecen estas rúas cubertas. Os shotengai son rúas comerciais, moitas veces peonís e cubertas, que ofrecen un ambiente moi local, moi "veciñal". Neles é habitual atopar empresas familiares con moitos anos de historia e, polo seu aspecto retro, en ocasións permiten viaxar no tempo ata o Xapón dos anos 60.

Este tipo de rúas curiosas están cheas de todo tipo de negocios, desde karaoke ata froiterías e carnicerías, tendas de cen iens, tendas de souvenirs e antigüidades, izakaya e todo tipo de cafés e restaurantes. Neles atoparás todo clase de comida: Ramen, Takoyaki: bolas de fariña fritidas recheas cun anaquiño de polbo, deliciosas..Yakitori: Brochetas de polo á prancha con salsa. Sopa de miso, soba: fideos finos de trigo servidos fríos con salsa de mollo ou en sopa.Tempura: combinación de verduras fritas e marisco en masa, impresionante..Tsukemono: varias verduras en escabeche que se comen como acompañamento ou como merenda.Tofu, e unha gran variedade máis...que non acabaría. Como xa comentei varias veces o hixiénicos que son, pódese comer na rúa sen ningún problema

 Shotengai.Nara




Deixamos Nara e fomos a Quioto durante tres noites. Antes de ir ao hotel, fixemos un percorrido co guía do barrio das geishas, ​​que se atopa no distrito de Gion ao norte e ao sur da rúa Shijo, desde o río Kamo-gawa ao oeste ata o santuario Yasaka-Jinja ao leste. Non vimos ningunha gheisa. Si, hai mozas vestidas co quimono. Por certo, son guapas, alegres e moi sonrientes.



Xa estamos no cuarto día da viaxe. Aínda estamos en Quioto. Hoxe imos visitar o templo de Sanjusangendo (con mil estatuas de Kannon, deus da misericordia).Non puidemos facer fotos. 

Tamén nos achegamos ao santuario Fushimi Inari (con miles de pórticos Tori) a poucos minutos de Quioto. Oculto nas montañas e baixo a protección dos deuses atópase un dos camiños máis impresionantes do Xapón: Fushimi Inari, un camiño que discorre durante catro quilómetros entre cinco mil portas sagradas e salpicado de centos de altares de natureza impoñente. A entrada é gratuíta, algo inusual entre os santuarios de Quioto.

Fushimi Inari é un santuario xintoísta principal (ou "taisha") dedicado ao espírito de Inari, a divindade xintoísta das colleitas.

Segundo o mito, Inari chegou a Xapón no medio dunha forte fame que azoutou aquela terra. Baixou do ceo montando un raposo branco, e na man levaba arroz e deullo aos habitantes para que o cultivasen.

Un torii  é unha porta tradicional xaponesa, que normalmente se atopa na entrada dun santuario xintoísta. Simbólicamente marca a transición do mundano ao sagrado, por iso tamén se atopan no seu interior.

Os raposos, coñecidos como kitsune (en xaponés), son os mensaxeiros do deus Inari, polo que tamén son honrados e venerados no santuario.















Lámpadas de pedra Omokaru-ishi. Crese que se pides un desexo diante dunha das lámpadas e despois levantas a parte superior e parece que é máis lixeiro do que esperabas, o teu desexo farase realidade. Se, pola contra, cando levantas a parte superior da lámpada parece máis pesada do que esperabas, o teu desexo non se fará realidade.Pesábame moito, pero levanteino


Lámpadas de pedra Omokaru-ishi



Benito, Lili e mais eu fomos ou intentamos explorar un pouco o monte. Tivemos pouco tempo, porque aínda había sitios que visitar. E a guía era de marcha fixa.
Polo camiño hai santuarios máis pequenos. Moitos destes inclúen portas torii en miniatura doadas polos visitantes.


Hoxe aínda quedan dúas visitas. Temos o xantar incluído. O seguinte sitio foi o Templo de Ouro Kinkaku-ji. Impresionante. Patrimonio da Humanidade. A verdade é que paga a pena facer esta viaxe. Levaría uns días máis. Durante toda a viaxe só tivemos un día libre. E as visitas que fixemos pola nosa conta foron distintas. Persoalmente, gústame así. Vouche seguir contando. Nada máis entrar no complexo do templo, atopas os xardíns de Rokuon-ji e o estanque chamado "Water Mirror" (Kyoko-chi, en xaponés).

O estanque está cheo de illas de estilo xaponés, pedras e piñeiros que representan capítulos do budismo xaponés. Ao fondo, o único edificio visible é o impresionante templo dourado cuxos tons dourados se reflicten moi ben nas augas do estanque.
No Templo de Ouro Kinkaku-ji,  segundo e o terceiro pisos están cubertos de folla de ouro. Ardeu varias veces ao longo da súa historia e, de feito,  o pavillón actual é unha reconstrución de 1955. Isto débese a que en 1950 un monxe budista fanático queimou o templo.


Achegámonos ao estanque, Kioko Chi, estanque do espello.



O xardín está especialmente deseñado para ofrecer diferentes vistas ao pasear.



Despois de visitar os xardíns do Templo de Ouro, fomos a ver o bosque de bambú de Sagano en Arashiyama. Este día tivemos comida incluída.
O bosque é impresionante. Andas entre milleiros de bambúes que se erguen uns á beira dos outros na procura da luz.


E este día tivemos comida incluída.


Dende o autobús, unhas mozas saúdanos. Por suposto, lles tirei unha foto.


Despois dun día intenso. Volvemos ao hotel (Kyoto Tokyu Hotel). Fixemos un descanso e collemos un autobús ata a estación de tren, no centro de Quioto, para coñecer un pouco mellor a cidade.
A estación é unha estrutura moderna e futurista, deseñada por Hiroshi Hara, e alberga centros comerciais, hoteis, teatros, museos e moito máis. A torre de Kioto, que ten 131 metros de altura, ofrece vistas panorámicas da cidade desde a súa plataforma de observación.
A Torre está situada no lado norte da estación de tren (chamado lado Karasuma) directamente fronte á saída norte central.


En Quioto, déronnos un día libre para movernos ao noso ritmo. Almorzamos e fomos a un templo que estaba a dez minutos do hotel, e despois de visitalo a idea era ir ao Paseo do Filósofo. E iso foi o que fixemos.



O Camiño do Filósofo podería percorrerse facilmente nunha boa media hora, pero no percorrio atopamos moitas pequenas tendas de artesanía, galerías de arte e cafés, ademais de moitos templos e santuarios. Polo tanto, o normal é pasar unha hora e media ou incluso dúas horas no paseo.

É un paseo moi relaxante




Un dos detalles do Paseo do Filósofo



Benito e mais eu fomos visitar un dos templos. Os nosos compañeiros de viaxe quedaron agardando por nós.
Os koma-nezumi, ou ratos gardiáns, non son moi populares, pero pódense atopar en santuarios dedicados á deidade Okuninushi (ás veces chamada Onamuji). A razón atópase no Kojiki, a crónica histórica que data do ano 712. Conta a lenda dunha rata que salvou a Okuninushi de morrer queimada nun incendio provocado por Susannoo, mostrándolle o camiño cara a un burato subterráneo.



Xardín zen no templo Ginkakuji.(de area rasgada)


O que máis me gustou foron as pequenas pontes de madeira que comunicaban as distintas zonas, cos xardíns a ambos os dous lados.



Vistas dende o alto do templo







Cuberta do templo. 



Despois desta visita achegámonos ao mercado de Nishiki, que ten un número sorprendente de vendedores, máis de 100,  ateigados nun estreito pasadizo duns 400 metros de longo e 3,9 metros de ancho.

Ademais das carnicerías e peixerías de produtos frescos e de gran calidade, tamén atoparás tendas especializadas en té verde, doces xaponeses, escabeche, tofu, senbei, tempura, croquetas... de todo!
En moitos casos, para atraer turistas, os distintos postos ofrecen pinchos ou pequenos pratos para comer alí mesmo, de pé. Un pracer pasear polo mercado e probar algúns dos pratos tradicionais das tendas.
Só lembra que é groseiro comer mentres camiñas. De feito, hai varios sinais no mercado que explican isto. Se queres probar algo, cando o merques, para e goza  de pé, sen andar. Xa que son pequenas preparacións; non leva moito tempo.
No mercado de Nishiki hai varios postos de venda de tempura con pinchos de marisco e verduras variadas, e tamén sake, por suposto.






Xa queda pouco da viaxe, pero o que vos vou contar foi moi intenso.
Estamos o día 10 despois de almorzar no hotel (como vos dixen, as nosas maletas son trasladadas ao hotel de Osaca, onde remata a viaxe) Íamos cunha mochila para as dúas noites seguintes e os respectivos cambios de roupa; unha das noites que pasamos foi en Kanazawa,  no hotel Kanazawa Tokyu. A outra noite durmimos en Gero nun ryokan (habitación de estilo xaponés). E dende aquí no tren bala a Osaca. O final da viaxe.
Fixemos a viaxe nun autobús co grupo e cun guía de fala hispana. Explicou un pouco sobre a vida e os costumes xaponeses. De camiño a Kanazwa, fixemos unha parada na que puidemos ver o mar da China. A península de Corea estaba diante de nós.






Continuamos a viaxe despois de facer fotos e achegámonos ao mercado de Omicho en Kanazawa. É un mercado animado onde chegan diariamente peixes e mariscos do Mar de Xapón, onde atoparás cociñeiros e comerciantes locais, así como residentes e turistas😊.
Aquí podes comer carnes e peixes á prancha, ostras frescas, vieiras ou ourizos, croquetas de todo tipo, cangrexo, anguía... de todo!
Lembrade que moitas tendas están pechadas os mércores e domingos. No caso de que esteas aquí.


A seguinte parada foi visitar Higashiyama (Kanazawa) onde atoparás Higashi Chaya, ou distrito das geishas, ​​con casas de té e tabernas restauradas que lembran ao Xapón doutros tempos. É moi agradable un paseo polo río Asano.
O Higashi Chaya, ou Distrito de Geishas Oriental, é o máis grande de Kanazawa. Foi fundada en 1820 
Tampouco vimos ningunha geishas, ​​pero si moitas mozas disfrazada.Son amigables e se están preto de ti non lles importa facerse unha foto con turistas, parécelle divertido,



Visitamos o barrio dando un paseo pola beira do río, onde se poden ver perfectamente as casas dos samurais. Está moi ben coidado.
O guía explicounos a técnica de mantemento das casas. Están feitas de madeira, o shou sugi ban, que consiste en queimar táboas de cedro, pulilas con cepillos de arame e lixa e selalas con aceites naturais. Coñecida como yakisugi, esta antiga técnica xaponesa produce revestimentos de madeira negra carbonizada resistentes ás inclemencias do tempo. A madeira carbonizada pode durar máis de 50 anos se se trata axeitadamente, grazas á súa resistencia e durabilidade, que se forma ao quentala sobre unha chama




Despois desta visita á cidade, todo o grupo foi aos xardíns de Kenrokuen. Remóntanse ao período Edo, cando formaban parte dos xardíns exteriores do castelo de Kanazawa. Tras varios cambios e ampliacións durante case dous séculos, os xardíns abriron finalmente ao público en 1874, ao final do período Edo.
O xardín está situado nun outeiro no centro de Kanazawa, preto do castelo da cidade. No inverno, pódese contemplar a espléndida paisaxe dos yukitsuri (colgados de neve) que se instalan a partir do 1 de novembro de cada ano. Este método protexe as pólas das árbores no xardín con cordas envoltas en vigas cónicas para evitar que as pólas se rompan baixo o peso da neve.
Nesta foto pódense ver os Yukitsuris, a ponte Niji , a lámpada tradicional Kotoji.




Ao día seguinte, dende Kananzawa fomos a Shirakawago. A histórica aldea de Shirakawago é Patrimonio da Humanidade e amosa o Xapón rural con casas tradicionais, templos e natureza. As casas son de estilo gasshozukuri e contan con tellados de palla triangulares tradicionais. Construídas sen cravos, estas casas están deseñadas para soportar o peso da neve acumulada durante os duros invernos da rexión, garantindo así a seguridade dos seus habitantes. Malia a súa localización remota, chegar a Shirakawago é relativamente doado grazas aos servizos regulares de autobús desde as cidades veciñas de Takayama e Kanazawa, que ofrecen unha conexión directa con esta pintoresca aldea. Viaxamos co grupo, no noso propio autobús.






A seguinte parada foi en Takayama. Situada na montañosa rexión de Hida no corazón dos Alpes xaponeses, foi durante séculos un enclave bastante illado do resto do país, o que lle permitiu desenvolver unha identidade moi distinta. Hoxe, o fermoso casco antigo está cheo de casas tradicionais de madeira, antigas adegas de sake e rúas estreitas.

Visitamos unha das adegas de sake, situada no casco antigo. Recoñeceralas facilmente polas súas grandes sugidama, ou bólas de pólas de cedro, enriba da entrada. Por uns 10 euros podes probar unhas 10 copas e levar a copa como agasallo.


Pola tarde fomos ver as carrozas que se usan para o festival que ten lugar dúas veces ao ano. O Festival de Primavera Sanno celébrase os días 14 e 15 de abril, mentres que o Festival de Outono Hachiman ten lugar os días 9 e 10 de outubro. Carrozas de varias toneladas, elaboradamente decoradas, desfilan polas rúas. Takayama gañou importancia como fonte de madeira de alta calidade e carpinteiros altamente cualificados durante a era feudal. Creado pola fabulosa artesanía dos mestres de Hida. As carrozas coñécense como yatai, están equipados con monicreques mecánicos, que engaden un toque teatral ás festividades.






Compre sinalar que estas carrozas, que desfilan polas rúas, non son meras decoracións; son unha mostra da habilidade e dedicación dos artesáns locais que preservaron estes oficios tradicionais durante xeracións.
Pola tarde fomos a un ryokan en Gero. É un aloxamento tradicional xaponés, con habitacións de tatami, baños de augas termais, cociña tradicional, é a típica pousada tradicional xaponesa. A principal diferenza cun hotel convencional son as súas habitacións de tatami, onde os hóspedes dormen nun tipo de colchón no chan chamado futón. Dormes xenial.
 A miúdo vese aos hóspedes levando un yukata ou un quimono de algodón durante a súa estadía. E por suposto, puxémonos o quimono.
Na habitación hai unha mesa baixa e varios coxíns no chan de tatami. Pola noite, a mesa pequena e os coxíns foron apartados e o persoal do ryokan preparounos a habitación mentres ceabamos.
Este ryokan tiña baños de augas termais e, despois de cear, fomos alí. Había un baño para mulleres e outro para homes. Estes baños, os onsen, son baños termais naturais, alimentados por fontes de auga quente subterráneas. Son famosos polas súas propiedades curativas e relaxantes, e constitúen un lugar de reunión social para moita xente. Para acceder a esta zona e bañarse nun onsen, é obrigatorio quitarse toda a roupa.

A habitación antes de colocar o futón 




Habitación co futón 
Co quimono para ir cear

A mesa onde ceamos, onde almorzamos e o que nos serviron para cear e almorzar.



Dende Gero fomos á estación de Nagoya e dende alí collemos o tren bala Nazomi ata Shin-Osaka. Visitamos Osaka co guía. Levounos a un barrio moi animado, Dontobori, con moitos restaurantes con fachadas extravagantes.
Despois fomos ao castelo de Osaka-Un pouco de historia: o Castelo de Osaka comezou a construírse en 1583 por Toyotomi Hideyoshi, quen quería que se convertese no centro do Xapón unificado.
O seu obxectivo era construír un castelo superior, en todos os aspectos, ao castelo Azuchi de Oda Nobunaga. Polo tanto, construíuse unha torre principal moi alta, sobre unha base de pedra, que protexía os ocupantes dos atacantes. E con cinco plantas exteriores e outras tres plantas subterráneas.
Ademais, estaba cuberto con pan de ouro, precisamente para impresionar a todos coa súa opulencia e así mostrar o nivel de Toyotomi Hideyoshi como señor da guerra.
Non obstante, anos despois da morte de Hideyoshi, o castelo foi destruído polas tropas de Tokugawa Ieyasu en 1615, tras o asedio de Osaka, que durou case un ano.
Máis tarde, en 1620, o castelo foi completamente reconstruído polo segundo shogun do período Edo, Tokugawa Hidetada. De feito, os muros daquela época aínda se conservan hoxe en día.
Non obstante, en 1665, un raio caeu e destruíu por completo a torre principal, un destino compartido con moitos outros castelos xaponeses da época. Durante case dous séculos despois, o castelo estivo practicamente abandonado, e non foi ata 1843 que comezaron as reparacións das distintas torres.
Non obstante, o castelo foi novamente consumido polo lume durante os conflitos do período Meiji e, de feito, serviu como cuartel do exército naquel momento. Finalmente, entre 1928 e 1931, reconstruíuse a torre principal, que sufrira danos no bombardeo de Osaka durante a Segunda Guerra Mundial.
Finalmente, a finais da década de 1990, completouse a última renovación do castelo, que é unha reprodución en cemento do castelo orixinal.

Camiño ao castelo



O Castelo. 

Os shachihoko son animais mitolóxicos xaponeses con cabeza de león e corpo de carpa,   adoitan atoparse nos tellados dos castelos xaponeses.
Vistas espectaculares dende o oitavo andar, o miradoiro do castelo, dende o que se pode gozar de fermosas vistas do parque e dos edificios circundantes.


Réplica do adorno do teito .Shachihoko.


Cando rematamos a visita volvemos a Dontobori para xantar. Probamos o takoyaki, tamén coñecido como bólas de polbo. Etimoloxicamente, a palabra takoyaki significa: tako = polbo e yaki = frito. moi bo.



Déronnos ese tempo para comer antes de dirixirnos ao Hotel Sheraton Miyako Osaka e rexistrarnos. Era a nosa última noite no Xapón. Fomos co guía. E a viaxe rematou.
Tivemos un pouco de sorte de poder seguir explorando Osaka pola nosa conta, xa que voabamos ás 7 da tarde do día seguinte. Tivemos toda a mañá para nós sós. O almorzo estaba incluído e puidemos deixar as maletas ata as 3 da tarde, cando tiñamos que coller un autobús para o aeroporto.
Ao día seguinte, Benito e eu quixemos ver un pouco máis de Osaka. Levantamonos cedo e fomos almorzar ás 7 da mañá. Ás 8 xa estabamos na rúa e dirixímonos cara ao barrio de Shinsekai (literalmente "novo mundo"), un barrio de aspecto retrofuturista con moitos restaurantes e tendas. Inaugurada coa reconstrución da Torre Tsutenkaku, o centro neurálxico do barrio. A cidade francesa de París foi escollida como modelo para o desenvolvemento da zona norte de Shinsekai, mentres que a illa de Coney Island, na cidade de Nova York, foi escollida para o desenvolvemento da zona sur.
Foi unha mañá marabillosa. Fixemos o percorrido amodo, parando en templos e paseando, e chegamos ao emblemático barrio: a Torre Tsutenkaku.







Paseamos por Den Den Town, o distrito da electrónica ás veces coñecido como o "Akihabara de Osaka".
Ademais de tendas de electrónica, tamén hai moitas tendas que venden produtos de manga e anime, e especialmente vídeos para adultos. É interesante pasear, mesmo sen mercar nada, só para ver o ambiente, algo "retro". Pero tiñamos moi pouco tempo, como dixen, era o día de marchar. Aínda así, aproveitamos ben a mañá.

No noso paseo atopamos algunhas cousas moi curiosas, entre elas estanques con esculturas de ras. O sapo é unha figura moi familiar en todo o arquipélago xaponés. En xaponés, a palabra para sapo/ra é homófona co verbo volver/ir a casa: 'kaeru'





Tamén estas corenta e sete estatuas ronin no templo Kisshoji. Un ronin era un guerreiro samurai que non tiña amo nin señor feudal ao que servir.

Ao entrar no templo, unha das cousas que probablemente máis nos chamará a atención serán as  estatuas de Jizo que foron colocadas no templo por pais que choran a morte dos seus fillos non nacidos ou acabados de nacer.



Así foi a viaxe. Valeu a pena. Eu o repetiría.
 Agora hai un voo de Madrid a Tokio, un pouco máis caro, pero nós o colleríamos, o noso foi de Madrid a Shanghai, cunha duración de 8 horas, e unhas tres horas de espera. Total 12 horas, e 3 horas máis ata Tokio. Valeu a pena?.SI.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Viaxe á Bretaña Francesa Setembro 2020

Suroeste dos EEUU.Febreiro 2024