Viaxe ao SUDESTE ASIÁTICO.2023 :Singapur 2023


 

Esta viaxe foi inesquecible, estivemos do 25 de xaneiro ao 24 de marzo. Vouvos falar dos lugares que visitamos e contar un pouquiño do que alí fixemos. Agardo que desfrutedes connosco.

Neste tempo visitamos Singapur, Vietnam, Cambodia e Tailandia.
 
Comezamos por Singapur.
 
O 26 de xaneiro, chegamos a Singapur . No aeroporto tivemos que facer unha serie de trámites de entrada: declaración de saúde e covid, cambiar euros á súa moeda, o dólar de Singapur (aproximadamente 1 euro = 1,5 SGD), cargar a aplicación de taxi (Grab) e comprar unha tarxeta de datos para cada teléfono. A continuación chamamos ao taxi, costou 18,80 SGD e fomos ao hotel que tiñamos reservado, o hotel Rest Bugis.  
 
Fomos  a un hotel porque as casas de aluguer son moi caras, e ademais non hai moita oferta. Trátase dun país no que a xente se despraza da contorna para ir traballar. O hotel estaba céntrico e tiña todas as comodidades, zapatillas, un quentador de auga, paquetes de café e paquetes de leite en po (en Singapur non hai vacas e o leite escasea, polo que se usa  moito o leite en po), botellas de auga. Era reposto a diario o que nos daba moita vida á hora de facer un pequeno almorzo. Cando chegamos ao hotel, deixamos a equipaxe na recepción, porque a entrada era ás 15:00 horas. Tomamos un café no bar do hotel ( 7 SGD cada un), e fomos dar un paseo polos arredores. É un barrio colonial de principios do século XX moi ben conservado con casas e soportais dun piso.  Moi preto está o barrio hindú cos seus bazares e templos, e o barrio árabe, coa súa mesquita e os seus respectivos restaurantes.
 
 Chama a atención a cantidade de restaurantes que hai por todas partes, e a vistosa publicidade que se fai na rúa.

 
Despois deste primeiro contacto coa cidade, fomos ao noso cuarto. Descansamos un pouco e preparámonos para pasear por Singapur. Saímos camiño de Chinatown, demos un longo paseo pola rúa Victoria, que é a nosa rúa e unha das arterias principais da cidade. Está chea de centros comerciais e restaurantes, e consérvanse algúns edificios da época colonial. Ao pasar o río Singapur comeza o barrio chino no que aínda se conserva decoración de ano novo. Entramos no ano do coello e hai representacións deste animaliño por todas partes.
 
Neste barrio hai dous de templos. Aínda que non os vimos por dentro, soubemos que nun  deles  se conserva a reliquia dun dente de Buda.Todos os templos están moi decorados e teñen cores moi vistosas entre as que  predomina o vermello.
 

 

Ás 19:00 fomos cear. Pedimos un prato de cordeiro con berenxena riquísimo e tiñan unha oferta de cervexa, 4 pintas por 20 dólares, eran suaves, 4 graos, coa calor que ía, era de agradecer. Chegamos ao hotel sobre as 10:30 e entre o voo, a diferenza horaria, e os paseos estabamos esgotados. Durmimos  ata as 8 da mañá.
 
 
Ao día seguinte fomos visitar Marina Bay, unha zona moderna e o verdadeiro centro de Singapur, onde se atopan os principais atractivos da cidade. Está a 3/4 de hora camiñando dende o noso hotel. Andamos  pola beira do río  ata a baía, onde  está o símbolo de Singapur, o Marleon, un estrambóico híbrido de peixe e león.
 
 

Camiñamos por toda a baía entre hoteis moi caros ata chegar a uns espectaculares xardíns: un xardín botánico xigante, con temáticas diferentes, e dous  enormes  invernadoiros, un cun bosque húmido (cunha exposición-mostra dedicada a Avatar2) e outro con flora que representa a vexetación de diferentes zonas do mundo con clima mediterráneo. Nesta volta escollemos esta última, a de clima mediterráneo e deixamos o bosque húmido para cando voltemos a Singapur. Á diferenza dos nosos invernadoiros este, coa calor que ía na cidade, séntese fresco e ten representación de ecosistemas do Mediterráneo, Chile, California. En todo o parque e en todo Singapur aínda se ve a decoración con motivos do Aninovo chinés.
 
 

 

 
A carón do parque atópase  un espectacular edificio que todos coñeceredes, un hotel cunha especie de barco enriba, no que hai unha gran piscina e restaurantes. Non subimos porque non tiñamos tempo, pero á volta como volveremos a pasar por Singapur para coller o avión de regreso a España subiremos ao "barco".
 


No baixo do Hotel Barco, vimos un impresionante centro comercial, coas marcas máis caras. De volta ao noso barrio, tomamos unha última cervexa preto do noso hotel para relaxarnos despois de todo o día camiñando, dúas cervexas por 30 dólares.....Ás 22:30 e xa nos están botando. O lugar era unha terraza xenial con vexetación.
 
É o 28 de xaneiro, chove, non parou en todo o día, pero a temperatura é ideal. Aproveitamos para coñecer ben o noso barrio e camiñando atopamos Litle India que parece un bazar, coas típicas tendas con figuras de deuses hindús, ofrendas, téxtiles, con moitas  colores , moita xente, restaurantes e un pequeno templo, moi colorido como todos os templos hinduistas.
 

 


O día  foi un pouco desagradable a causa da chuvia. Comemos algo e fomos ao  hotel, para descansar unha hora e saímos de novo ao noso barrio, desta vez  á zona árabe.
 
Á pesar de que a vida é moi cara, Singapur é un dos lugares máis seguros do mundo. Os seus índices de violencia e criminalidade son practicamente nulos. Iso si, aquí todo o mundo traballa e cala, a ninguén se lle ocorre expresar unha opinión contraria ao goberno xa que sería perseguido como se se tratara dun delincuente. A vixilancia é total e todos participan do culto ao capitalismo sen protestar.

Como viaxe durou dous meses e hai moito que contarvos, decidín facelo en tres partes: Singapur, Vietnam e Cambodia-Tailandia. Vou enlazar toda a parte da viaxe a Singapur antes de comezar con Vietnam porque  Singapur foi o punto de entrada e saída da nosa viaxe ao sudeste asiático.
 
 
 
Só nos quedaban 3 días , a viaxe está rematando e tiñamos que volver a casa. Aínda así aproveitamos hasta o último minuto.

Ao día seguinte volvimos a Marina Bay. Paseamos polo centro e ata os Xardíns da Baía, concretamente para ver o segundo invernadoiro onde se reproducen os bosques húmidos. Todo moi ben conseguido, con diversidade de plantas entre as que predominan as ornamentais, cunha grande variedade de begonias. É máis un xardín que a reprodución de ecosistemas e, aínda que hai unha exposición sobre Avatar 2 no medio, está ben.

 




 
 

Como vos dixen ao principio, deixamos a visita do "barco", Marina Bay Sands, para facelo nesta segunda etapa. O edificio é un hotel, e arriba hai unha piscina,e  un restaurante. Pensamos que tiñamos o opción de poder ir a todo, pero non, pagamos 32 SGD cada un , e a única opción eran as vistas. Paga a pena, pero é unha estafa.



 
Xa é tarde e imos a unha urbanización próxima, e tomamos a cervexa máis barata de Singapur, 8 dólares, unha botella de 2/3!!! Despois ceamos nun restaurante turco, paseamos e volvimos ao hotel.
 

É o día de volta. O voo a Madrid sae ás 19:30 horas así que decidimos pasear pola cidade. Ás 16:00  collemos un taxi para ir ao aeroporto e, como tiñamos tempo, fomos ver a Jewel Changi, un inmenso invernadoiro con restaurantes e tendas que ten unha fervenza central de 40 metros que nos deixou sen palabras a todos os pasaxeiros mentres nos achegabamos ata alí.

 

 
Xa sabedes que en Singapur hai tendas especializadas na venda desta froita o durian, (sobre todo nos mercados e no Barrio Chino). Debido ao seu mal cheiro, está prohibido levar durian nos transportes públicos e á maioría dos hoteis. Veredes o símbolo durian tachado en moitos lugares. Esta froita é orixinaria de Malaisia, Indonesia e da illa de Borneo. Grazas á súa popularidade estendeuse polo sueste asiático.
 
 



 
A lei antitabaco en Singapur é moi dura! Só se permite a entrada no país de 19 cigarros, é dicir, un paquete iniciado. Ademais son moitas as restricións  que existen para fumar en calquera lugar público .Na rúa hai papeleiras e puntos para fumar,pero só se permite facelo alí e non en ningún outro sitio. Non hai un cigarro nin un anaco de papel no chan. O prezo dun paquete de Marlboro en Singapur é de 15 SGD.
 
Rematou a viaxe a Singapur. Seguimos a nosa viaxe.  Agora imos aVietnam😊
 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Viaxe á Bretaña Francesa Setembro 2020

Viaxe ao Deserto. Marroco, Decembro de 2022

Fin da Viaxe:Thomson Springs, Rangely, Cheyenne , Denver, Houston.