Viaxe de Xubilación, setembro 2019
VIAXE de XUBILACIÓN 2019
Queremos compartir esta viaxe polos países do Leste e do sur de Europa. Foi unha viaxe feita con moita ilusión, eu xa levaba xubilada uns meses e Benito comezaba a súa.Sabiamos cando comezaba pero non cando ía
rematar, de feito estivemos dous meses e vinte días. O primeiro destino foi Ucraína, concretamente a súa capital, Kiev, e o último Dubrovnik, en Croacia. Van ser dous blogger unha primeira parte de Kiev a Sofia e unha segunda parte de Tesalónica a Dubrovnik, pois fixemos moitas paradas dun destino a outro, coas súas tres noites.
18 de setembro 2019
Día de saída, só levabamos aloxamento para o primeiro destino e logo iamos decidindo sobre a marcha. A maleta non podía ser moi pesada, pois non sabiamos en que medio de transporte nos moveriamos, e houbo de todo: trens, buses, avión; tiñamos que pensar que atopariamos calor e frío, chuvia e sol, entón era moi importante que roupa levar, onde íamos a pasar esas tres noites, se en hoteis ou apartamentos alugados, e esta última opción foi a que máis utilizamos, procurando que tivesen lavadora para ir lavando a roupa.
Saímos de Pontevedra a Madrid en tren, esa noite durmimos en Madrid e ao día seguinte voamos a Kiev. O primeiro atranco xa o tivemos no aeroporto, nun principio había overbooking e non tiñamos sitio no avión, isto solucionouse despois de agardar un bo anaco pero ao embarcar, só podiamos levar un vulto, e levabamos unha maleta de cabina e unha mochila, polo que de castigo houbo que pagar un recargo de 30 euros. Todo o demais sen problema.
E así comeza a viaxe. Saímos de Madrid de madrugada e chegamos a Kiev en tres horas despois cando xa amencera, aproveitamos
moi ben ese día para facernos unha idea de como era
a cidade. O hotel estaba preto da estación de autobús e tren, e non tivemos problema
para atopalo, aínda así, os taxistas quixeron, cando preguntamos pola dirección do hotel,
sacar algún proveito, dicíndonos que estaba lonxe, a uns 6kms, nós
sabiamos que iso non podía ser, e non fixemos caso, e estabamos a 6 minutos. Chegamos
ao hotel deixamos as maletas e saimos a xantar algo e cambiar cartos . Un euro equivale 33,9515 UAH, daquela, claro.
Un Grivna.
Primeira comida en Ucraína, nun lugar precioso e ben decorado, tomamos un café cun pastel, torta de queixo, por certo moi boa.
Café en Kiev
Cóllemos forzas , empezamos a patear a cidade, para situarnos e ver que facer ao día seguinte, o centro estaba un pouco lonxe de onde estabamos aloxados pero valeu a pena, fomos ata o metro para ver como funcionaba, un caos, moita xente, vagóns antigos, moi soterrado, unhas escaleiras de subida e baixada que daban medo, longuísimas e con moita pendente, pero pronto lle collemos o tranganillo .
Foto do plano do metro
Subida das escaleiras do metro
Seguimos investigando ata que chegamos á praza da Independencia ou Maidan Nezaleshnosti.
Durante a fin de semana na praza da Independencia córtase ao tráfico para que sexa peonil e nas súas fontes comeza un espectáculo de luz e son case de dúas horas, con moito ambiente: artistas, concertos na rúa, postos de venda .
Praza con luz e son
Xa cansados, polo tute da viaxe, de chegar a un país descoñecido, moeda, lingua, fomos para o hotel.
Ao día seguinte o primeiro que fixemos foi ver a Catedral de Santa Sofía, declarada Patrimonio da Humanidade en 1990.
Foi construída no século XI por mandato do príncipe de la Rus de Kiev, Yaroslav I o Sabio, no lugar onde os habitantes de Kiev venceron aos pechenegos, pobo nómade de Asia Central
Os pechenegos ou patzinakos eran un pobo seminómade das estepas de Asia Central que falaban unha lingua de Turquía e invadiron a Europa oriental e central arribando a Bulgaria, Hungría e Ucraína arredor do século IX.
Catedral de Santa Sofía de Kiev
Catedral de San Andrés
Despois das visitas da mañá fixemos un descanso cun refrixerio.
Rúa Kiev
Se vos fixades Benito nalgún momento do día, nas paradas , saca o seu caderno e ponse a debuxar o que está vendo
Unha vez xa con forzas continuamos, e demos un paseo polo parque cunhas vistas de Kiev impresionantes.
.
Vistas de Kiev.
Para entrar ás igrexas a muller ten que poñer algo na cabeza e eu utilicei o "foulard"
.
Saíndo dunha igrexa, onde se ve ao Pope, o sacerdote ortodoxo.
Xa estamos no terceiro día de Kiev.
Pola mañá fomos visitar o Mosteiro de San Miguel, ou Mosteiro das Cúpulas douradas (o Arcánxo Miguel, é o santo patrón de Kiev), atópase na parte occidental do río Dniéper, ao bordo dun noiro e ao nordeste da Catedral de Santa Sofía.
Benito subiu á torre e fixo estas estampas onde se ve Kiev, preciosa
Mosteiro de San Miguel.
É impresionante o mosteiro, estivemos percorrendo o recinto e decidimos visitar o Mosteiro das Covas, para iso eu tiven que disfrazarme, nel hai reliquias de santos .
O Mosteiro das Covas é un mosteiro cristián ortodoxo. O inicio da súa existencia dátase en 1051 durante o reinado de Yaroslav o Sabio. É o mosteiro máis antigo de Ucraína e un dos lugares santos da relixión ortodoxa oriental.
As mulleres tiñamos que estar tapadas, cabeza cuberta e daban unha especie de mandil.
Interior Mosteiro das Covas
Outra imaxe dende o alto dunha torre do mosteiro onde se ve o monumento á Nai Patria.
Pola tarde despois da visita ao Mosteiro, camiño de volta ao centro, para visitar a casa con Quimeras fixemos un alto nun parque onde se conmemora ao soldado descoñecido e ao Holodomor, tamén coñecido como Xenocidio ucraíno ou Holocausto ucraíno, que é o nome que se lle dá á gran fame que asolou o territorio da República Socialista Soviética de Ucraína e outras rexións da URSS, no contexto da colectivización da terra emprendida pola URSS, durante os anos de 1932-1933, na que morreron de fame entre 1,5 y 12 millóns de persoas. Na foto vense os dous monumentos, en primeiro plano a imaxe dunha nena famélica é un homenaxe ao Holodomor.
Homenaxe ao Holodomor.
A Casa con Quimeras, o Casa Gorodetsky é un edificio de estilo art nouveau. Orixinalmente foi un edificio de apartamentos de luxo, a Casa con Quimeras foi construída entre 1901 e 1902 polo arquitecto polaco Władysław Horodecki, considerado «o Gaudí de Kiev”
Na actualidade utilizase como museo e sala de reunións do Presidente.
Fixádevos nas súas gárgolas e estatuas de animais de aspecto diabólico, incluíndo ras e rinocerontes....
Casa con Quimeras.
En fronte está o palacio do Presidente
E por último antes de despedir a cidade, deixo esta imaxe dun edificio de arquitectura Brutalista.
Descubrimos unha cidade marabillosa, chea de vida e con moita xuventude, mocidade que quere vivir en paz e procurar un futuro que lles permita realizarse; mocidade amable, hospitalaria, curiosa e esperanzada nun país que está a labrar o seu futuro. Non se pode esquecer que Ucraína é un país en guerra no que, daquela, faleceran xa máis de 3000 soldados; unha guerra presente nas exaltacións patrióticas, exposicións, carteis e museos. Desexámoslle aos ucraínos que consigan a paz e a tranquilidade que lles permita progresar e conseguir o benestar.
A seguinte parada foi na cidade de Odesa, na cal estivemos outras tres noites, á cuarta noite foi xa en Moldavia, xa falaremos dela.
Odesa, é unha cidade de Ucraína coñecida polo seu porto, emprazado no mar Negro, e conta con máis de un millón de habitantes. Foi unha das cidades que eu tiña moitas ganas de coñecer, despois de tantos anos poñendo a película “Acorazado Potemkin” ao alumnado en 4ª da ESO e a pesar de ser muda e en branco e negro, logrei que se engancharan.
O “acorazado Potemkin” é unha película baseada en feitos reais no porto de Odesa (Imperio ruso) durante a semana do 26 de xuño de 1905, o director foi Sergei M. Eisenstein, 1925.
Trátase dunha película que reflicte o espírito da época na que é realizada, na que todo elemento é utilizado como propaganda para a lexitimación ideolóxica do réxime comunista, exaltando ao home común, sobre todo ao oprimido que decide romper as súas cadeas
A censura é só outra máis das moitas anécdotas que rodean este filme imprescindíbel, cuxas únicas críticas negativas foron vertidas dende un punto de vista doutrinal, nunca dende un punto de vista cinematográfico por ningún crítico de cine. Se non a vistes e tedes a oportunidade de vela, aproveitade para facelo.
En Odesa alugamos un apartamento, estaba ben situado, fomos en bus, aínda que buscabamos que os destinos non estivesen lonxe uns dos outros , levounos unhas 8 horas, e como a moeda era a mesma iso foi un alivio, pois cada vez que cambiabamos de país era unha odisea buscar cartos.
Odesa foi fundada no ano 1794, por mandato de Catalina II e considerouse sempre como a principal cidade portuaria da costa do Mar Negro e coñecese como a Perla do Mar Negro.
Ao fondo as escaleiras onde se rodou a película
Escaleiras Potemkin
As escaleiras Potemkin, son para nós (e de feito, para moita xente que visita a cidade) o punto máis mítico que ver en Odesa. Aínda que a xente pensa que as escaleiras toman o nome da película de Eisenstein, hai que dicir que o nome das escaleiras é anterior ao do filme. Potemkin foi un dos fundadores da cidade e a el está dedicada a escalinata que vai desde o bulevar Primorsky ata o porto.
Ata 192 banzos percorren os 142 metros de escaleira, hai que dicir que os chanzos non son continuados desde arriba ata abaixo. Cada certo número de chanzos hai un pequeno descanso. Pero o efecto óptico fai que desde arriba só se vexan os descansos e desde abaixo, só os banzos. Nesta zona atopamos unha chea de vendedores de camisetas de mariñeiro. Odesa era un importante porto mariñeiro e parece que os chapeus de mariñeiro e as camisetas son a lembranza estrela da cidade. E aínda que os atopamos en moitos recunchos, está claro que as escaleiras Potemkin son o punto máis turístico da cidade, pois os vendedores multiplícanse.
Ao fondo o mar Negro
mar Negro
Rúa Deribasovskaia: esta famosa rúa peonil, glorificada por poetas e escritores, está situada no centro de Odesa.
Ao chegar case ao final da rúa Deribasovskaya é necesario torcer á esquerda para atoparnos cun dos edificios máis impoñentes que ver en Odesa: a Ópera. Probablemente, a de Odesa, xunto coa de Dresde, son os dous teatros da ópera máis bonitos que vimos nunca..
Exterior: Ópera
Os edificios chaman atención polos balcón, polas súas fachadas .
Sinais dos quilometros desde distintas cidades a Odesa
Demos un paseo cara á praia da cidade, este día non estaba o tempo como nos gustaría, chovia un pouco e mesmo chegou a facer fresco.
Fotos da praia: mar Negro
Despois de dar o paseo pola praia , volvemos ao centro da cidade, e seguimos investigando sobre ela, atopámonos co museo arqueolóxico e na súa entrada a escultura de Laocoonte, unha reprodución, que se exhibe no Museo Pio Clementino, nos Museos Vaticanos, Roma.
Fixemos unha parada ao chegar ao centro
Patio italiano
Xa estamos rematando os días en Odesa, pero non só foi visitar a cidade,senón tamén facer os labores , mentres Benito preparaba a cea eu cosía, algún remendo.
Casa de aluguer.
Día 25 de setembro, camiño a Moldavia, a capital, Chisinau.
Chisinau é unha urbe situada en Moldavia, estado que se localiza dentro do continente europeo.A moeda oficial de Moldavia é o Leu moldavo. A capital moldava é unha cidade pequena, moi accesible a pé, e que garda sitios que ben merece a pena visitar.
A saída de Odesa a Chisinau, foi unha nova aventura, pasar fronteira, cambio de moeda... o traxecto foi en tren, e chegamos de noite, só levabamos unhas augas, e galletas , xa que a hora de chegar sería sobre as oito,o primeiro que fixemos foi buscar un lugar para facer o cambio de moeda, ir ao hotel e cear, pero resultou que o hotel non daba ceas e aconselláronnos un bar á beira, onde tampouco tiñan nada.
Como vedes unha cervexiña, pistachos e patacas fritas de bolsa, que ben nos souberon!.
Ao día seguinte un bo almorzo e a patear a cidade.
Xusto en fronte do noso hotel había unha especie de columna e un monumento á liberdade. E detrás o Hotel.
Monumento á liberdade.
É unha cidade distinta, xente amable, pero o país máis pobre de Europa.
Visitamos o Arco de Triunfo que se atopa en fronte da catedral, na avenida principal. O arco conmemora o triunfo do Imperio Ruso sobre o Imperio Otomán na guerra turco-rusa acontecida entre 1828 e 1829. Son catro columnas as que compoñen o arco, ademais dun reloxo que funciona perfectamente. O arco ten 13 metros de altura e unha bandeira moldava que se pode ver ao atravesalo. Xunto coa catedral ofrecen unha gran postal ao tomar unha fotografía desde o outro lado da rúa.
Arco de Triunfo
Ao continuar con dirección ao norte desde a praza da Catedral atopamos o monumento de Stefan o Grande, Stefan cel Mare, o gran heroe de Moldavia. Foi príncipe de Moldavia por máis de 47 anos e é recoñecido como un dos políticos máis astutos da súa época, ademais dun destacado militar que saíu airoso en decenas de batallas ante grandes inimigos, como os otománs e húngaros.
Moeda de Moldavia
Stefan cel Mare
Parque Stefan o Grande
A estatua do heroe nacional preside a entrada ao parque do mesmo nome, o parque de Stefan o Grande, o máis antigo de Moldavia. É un bonito parque que se sitúa no medio da cidade e no que destaca unha fonte de auga no centro do mesmo, onde se atopan todos os carreiros e rúas interiores. Ao redor da fonte pódense atopar algúns postos de comida e artesáns locais que fan máis amena a visita.
Chisinau é unha das cidades máis verdes de Europa grazas á gran cantidade de parques que hai nela e a un crecente interese polo desenvolvemento sustentable. Un dos parques que axudan á cidade para alcanzar este status é o Valea Morilor, un dos pulmóns verdes da cidade. A súa graza deste parque é que ten unha lagoa na que mesmo se pode navegar en pequenos botes e pescar. Ademais, ten unha pequena praia con area na que vimos algunhas persoas tomando o sol. É un gran espazo para camiñar, facer deporte e conectarse coa tranquilidade que só a natureza pode dar.
Tamén destacar que tiñan a cervexa nacional de gran calidade, moi rica, saborosa.
Rúa de Chisinau
Desde Chisinau fixemos unha viaxe de un día a Transnitria, Transnistria —o territorio denominado oficialmente como República Moldava Pridnestroviana, ou Pridnestrovia— está situada en Europa do Leste, dentro do territorio que anteriormente formaba a República Socialista Soviética de Moldavia, integrada na URSS. A área limita con Moldavia, ao oeste, e Ucraína, ao leste.
Nós visitamos Tirasopol, a capital do país que ten uns 160.000 habitantes.
A parada na fronteira é o que tememos moitos turistas. Disto leramos moitas cousas na internet, case todo en webs escritas en inglés. Falaban de subornos, de ter que esperar unha chea de tempo na fronteira, de problemas co pasaporte… Absolutamente nada disto, polo menos no 2019. O procedemento é moi sinxelo; chegamos á fronteira, o autobús para e todos os estranxeiros (quen non sexa de Moldavia ou Transnistria) tivemos que baixar e acudir a un cuartelillo onde está a policía transnistria. Entrégase o pasaporte, verifican os datos e danche un visado. Hai que ter en conta o tempo que vaiamos estar (pregúntanolo o policía), xa que hai visado de 10 horas ou de máis. O de 10 horas, como foi o noso caso xa que unicamente iamos estar ese tempo, é gratuíto. Tamén hai que cambiar moeda, xa que en Transnistria utilizan o rublo transnistrio. Neste sentido non hai problema. Na propia estación atópase unha casa de cambio. Por certo, as moedas parecéronnos súper curiosas, xa que hai algunhas que son de plástico e parecen unhas fichas de casino ou de calquera xogo de mesa.
As súas moedas
Estación de Tiráspol
A estación de Tiráspol é pequena, realmente é un espazo aberto onde paran os autobuses e xusto á beira está a estación de ferrocarril. Entramos dentro para asegurarnos dos horarios de autobuses, xa que a información que hai na internet pode ser anticuada. Convén entrar e preguntar, ademais de que é mellor ter o billete comprado.
Un dos lugares que máis chama a atención aos visitantes é o tanque apuntando cara a Moldavia (Europa). Están xunto á capela de San Jorge e moi preto da sede do Goberno.
Á beira está o edificio do Goberno, cunha enorme estatua de Lenin presidindo a fachada.
Recordo do comunismo nas fachadas
Sinais das rúas: 25 de Outubro
Igrexa ortodoxa en Tiráspol, ao fondo os tanques
Na praza Suvorov, atopas o maior escudo do país, e que consiste na fouce e o martelo, e debuxos de patacas, pan, millo e uvas.. Ao seu lado atopas a estatua de Alexander Suvorov, o último Xeneralísimo do Imperio Ruso no século XVII, en cuxo lado se alzan as bandeiras doutros países non recoñecidos como Abjasia, Osetia do Sur e Artask (Nagorno-Karabaj).
Ao fondo Alexander Suvorov.
A palabra Shériff está intrinsecamente ligada a Transnistria: un equipo de fútbol, gasolineiras, unha construtora e mesmo a propia rede do móbil pertencen a este grupo empresarial fundado por ex membros dos servizos secretos soviéticos.
Ás 7 da tarde volvemos ao bus para regresar a Chisinau, e rematar cunha cea un pouco "copiosa.
Neste restaurante, cando fun ao servizo chamoume a atención a súa entrada, as paredes estaban pintadas como se fose unha rúa.
E o seu mantel: sistemática da cervexa
Deixando Chisinau, a seguinte parada foi Brasov, xa en Romanía
Varias horas no bus, traxecto bonito pola paisaxe, a vista dos Cárpatos impresionante, pero unha estrada penosa, e sen diñeiro de Romanía... fixo varias paradas e antes de chegar ao novo país aproveitamos para gastar o que nos quedaba do anterior, Moldavia. Sen poder ir ao baño (cobraban) pero xa na seguinte parada, chorando para que nos deixasen ir...conseguímolo. Imposible cambiar diñeiro.
A súa moeda: Leu
O paso de fronteira é un pouco aburrido , saímos de Moldavia
e ao chegar á fronteira entra un policía e leva os pasaportes, pero a
tres minutos está a de Romanía , hai que baixar, coller os bártulos, abrilos e entregar o pasaporte, aínda estivemos unha media hora ou máis, pero sen problema. A continuar a viaxe.
Brasov é unha cidade con moito encanto. Con todo, o seu centro histórico é pequeno e perfecto para visitalo nun día. Non podo dicir o mesmo dos arredores, cheos de atractivos naturais, castelos e outros lugares que vos van encantar.
Pero antes de falar da cidade, teño que facelo da hospedaxe, nós, ao chegar a un destino buscabamos o seguinte e esta vez a páxina explicaba moi mal como eran os cuartos e atopámonos con isto .
Entrada do cuarto
Interior do cuarto
Na foto de arriba o resto dos cuartos -barrica. Deunos para rir un pouco, iso si, estaba no centro de Brasov.
Praza Sfatului, praza do Concello, e a súa fermosa torre. Actualmente, alberga o Museo de Historia.
Por certo, desde a mesma praza temos unha vista privilexiada do Monte Tampa. Todo un símbolo da cidade e, como veredes máis adiante, un lugar imprescindible que visitar en Brasov: A Igrexia Negra (Biserica Neagră) e o Monte Tampa, con 960 metros de altura, esta formación pertencente aos Cárpatos orientais rodea gran parte da cidade.
Vista dende o Monte Tampa, toda a cidade, unha preciosidade.
Ao finalizar a visita do monte, seguimos camiñando por Brasov pois ao día seguinte íamos ao castelo ou palacio de Bram, Transilvana.
Igrexia Negra (Biserica Neagră), e ao fondo o Monte Tampa.
Biserica Neagra ou Igrexa Negra, é a principal igrexa de Brasov edificada pola comunidade de saxóns transilvanos durante a década de 1380 e que hoxe é o maior monumento relixioso en estilo gótico do país e do Sueste de Europa. Adquiriu o nome despois de ser ennegrecido polo fume do gran lume en 1689.
O Concello
Ao día seguinte decidimos ir ao Palacio de Bran, fomos a unha axencia para contratar a viaxe.Antes de chegar ao Palacio o bus deixounos nunha chaeira, ben subiamos a pé ou nisto, nun tractor, e subimos nel, claro.
O castelo de Bran é unha fortaleza medieval localizada na actual Romanía, que goza de gran atractivo turístico pola crenza popular de que era a antiga residencia de Vlad Țepeș o Empalador. Situado preto de Braşov en Transilvana, é un monumento nacional e un dos puntos clave do turismo romanés pola súa antigüidade, por valor arquitectónico e polo seu vínculo co personaxe ficticio do conde Drácula.
Vistas do castelo.
Interior do castelo
E xa no exterior tendas para mercar. Non mercamos, pero probamos.
Cerca do castelo de Bran, había unha fortaleza, a visitámola, demos un paseo ao seu arredor e de novo para Brasov, despedirnos da cidade, preparar a equipaxe e camiño a capital de Romanía, Bucarest.
Despedida de Brasov.
De Brasov a Bucarest. As dúas cidades están separadas por 170km, pero foi longa a viaxe, a estrada é penosa, o autobús estaba ben, pero foron unhas cinco horas.
Bucarest é a capital de Romanía, país pertencente á Unión Europea dende 1 de xaneiro de 2007. Está situada ás beiras do río Dâmbovița, ao sueste do país. A moeda oficial de Romanía é o leu-
Aloxámonos nun apartamento no centro da cidade, estaba ben, tiñamos un súper debaixo, e o primeiro que fixemos foi lavar a roupa, ir á tenda para mercar para o almorzo e ter algo na casa. Non tivemos bo tempo pero os tres días aproveitámolos ben, os cartos eran os mesmos que en Brasov, non tiñas que cambiar e iso, era un alivio.
O primeiro que vimos foi o
Bulevar Unirii
Demos un paseo polo Bulevard Unirii inspirado nos campos elíseos parisienses e repleto de edificios da época comunista romanesa
Pola noite ilumínase.
O que más chama atención é o Palacio do Parlamento, foi mandado a construír polo presidente comunista Nicolae Ceauşescu. Nun principio era a sede do poder político e administrativo. Deseñouno a arquitecta Anca Petrescu á idade de 28 anos e converteuse no edificio administrativo máis grande do mundo. Sendo tamén o máis custoso, cun investimento de tres millóns de euros. Este edificio foi a sede das sucesivas asembleas lexislativas romanesas, tales como a Asemblea de Deputados, a Gran Asemblea Nacional e a Cámara de Deputados. Logo, en 1997 ao trasladarse o Parlamento a outro edificio fóronse todos os parlamentarios.
Outro edificio que nos chamou atención pola súa arquitectura
Biblioteca da universidade
CEC Palace
Na mesma avenida atópase a sede do Banco de Aforros Nacional, o Banco CEC. O edificio foi construído en 1900, sobre as ruínas dun mosteiro e unha pousada. Ten un estilo ecléctico, cunha cúpula de cristal e metal. Nas súas catro esquinas ten frontóns e escudos de armas, terminando en cúpulas renacentistas. É un edificio que atrae todas as atencións ao pasar ao seu lado.
Memorial ao Renacemento
O Memorial do Renacemento é un monumento en Bucarest, Romanía, que conmemora as loitas e as vítimas da Revolución romanesa de 1989, que derrocou ao comunismo. O complexo conmemorativo inaugurouse en agosto de 2005 na Praza da Revolución, onde o ditador da era comunista de Romanía, Nicolae Ceaușescu, foi derrocado publicamente en decembro de 1989.
Outro monumento destacado é o Arco de Triunfo.
O arco primixenio fíxose en madeira con moita rápidez en 1878, inmediatamente despois de que Romanía obtivese a súa independencia, pensando en que as tropas vitoriosas puidesen desfilar debaixo del. Outro arco temporal foi construído no mesmo lugar, en 1922, para conmemorar a fin da Primeira Guerra Mundial. Con todo, foi demolido en 1935. En 1936, tan só un ano máis tarde, construíuse o arco actual, que estades vendo.
E como non podía ser doutra maneira visitamos o Museo Nacional de Historia Natural e o de Historia da Arte .
Imaxes de pintura relixosa e civil
Edificios da época soviética.
Escultura diante do Teatro Nacional: Caragealiana
Chega o cuarto día de Bucarest e a viaxe continúa, marchamos camiño da antiga capital de Bulgaria: Veliko Tarnovo.
Comeza unha nova aventura, outra moeda, paso de fronteiras. Pero non houbo ningún problema, a viaxe foi en tren, foi normal, pasou a policía, mirou o pasaporte e listo, non sei como sería se se pasase pola fronteira en bus.
Esta vez a viaxe foi en tren, xenial
Tren, exterior nunha parada da estación.
En Veliko Tarnovo estivemos nun hotel, tivemos que coller un taxi, pero non tiñamos diñeiro búlgaro, pero o taxista (ilegal) prefería euros, e amañamos.
Moeda: Lev
Está situada á beira do río Yantra, a 241 km da capital, Sofía, e a 228 km de Varna. Veliko Tarnovo é unha cidade no centro-norte de Bulgaria. Coñecida como a "Cidade dos Tsars" é famosa como a capital histórica do Segundo Imperio Búlgaro (1185-1396), atraendo a moitos turistas coa súa arquitectura única.
A Fortaleza de Tsarevets é probablemente o máis coñecido de Veliko Tarnovo desde o punto de vista turístico. Está situada no outeiro de Tsarevets, nun meandro do río Yantra, e ocupa unha área de 2.800 metros cadrados. A fortaleza está rodeada por unha impoñente muralla de máis de un quilómetro de longo, e accédese mediante unha longa pasarela. No centro están o complexo patriarcal e real e a igrexa “Ascensión de Cristo”. O interior está decorado con frescos do artista Theophanes Sokerov, que representan momentos e personaxes importantes da época.
Camiño a Fortaleza
Fortaleza Tsarevets
A Igrexa do Patriarcado no máis alto - chamounos a atención o seu interior "modernista" - e cunhas vistas espectaculares.
Interior da igrexa
A cidade atópase entre outeiros e con certo aire de cidade vertical e casas colgadas.
Paseo pola cidade.
RÚA DOS ARTESÁNS: Georgi S. Rakovski, esta rúa é outro imprescindible, está chea de pequenas tendas de artesáns. Pero artesáns de verdade, é dicir podes pasar ás tendas e ver como están a traballar nos produtos que venden.
Tamén nos achegamos ao monumento Asenevtsi, un dos máis emblemáticos da cidade, dedicado aos catro reis da Bulgaria medieval: Asen, Petur, Kaloyan e Iván Asen II. Simboliza o ascenso e a grandeza do estado durante os seus reinados.
Nesta imaxe vense os catro cabalos , saíu un pouco escura.
Tamén visitamos o Museo da Arte .
Entrada ao museo.
Pintura relixiosa
Vista xeral de Velico Ternovo
Saída para Sofia. Agardando o bus.
Sofia é a capital e a cidade máis grande da República de Bulgaria. Cunha poboación de 1 269 384 habitantes en 2018, trátase da 14.ª cidade máis grande da Unión Europea, onde ingresou en xaneiro do 2007, e ao redor de 1.380.406 coa súa área metropolitana, a Provincia Capital. Atópase situada no centro da península Balcánica, ao oeste de Bulgaria, rodeada polo monte Vitosha ao sur, o monte Lyulin ao oeste e as montañas dos Balcáns ao norte.
En Sofia alugamos un apartamento ben situado, chegamos ao mediodia, collemos un taxi dende a estación de bus, pero ao non coñecer a cidade e como ao taxista lle daba igual que foramos con peso ou non, deixounos bastante lonxe do apartamento.Un pequeno contratempo .
Con ganas de coñecer a cidade, deixamos a equipaxe e á rúa.
A praza Ploshtad Sveta Nedelya non sempre se chamou así, anteriormente tiña o nome de Lenin e mostraba a estatua de Lenin Desde entón foi substituída por unha estatua de bronce de 24 m que representa a deusa protectora da cidade, Sofía.
Praza Ploshtad Svetedelya ou Praza da Independencia. Na foto ao fondo a estatua de bronce.
No centro da cidade,de Sofía érguense templos das tres relixións características de Bulgaria: o cristianismo, o xudaísmo e o islam. Preto da praza que leva o seu nome atópase o templo catedral da diocese de Sofía, " Sveta Nedelya".
Catedral da diocese de Sofía, " Sveta Nedelya".
![]() |
Catedral ortodoxa Alexander Nevsk. magnífica igrexa (do tamaño dunha catedral) neo- bizantina rematada por cúpulas de cobre e ouro.
Selfie ao fondo o Museo Nacional de Historia.
Visitamos tamén a sinagoga e tivemos moita sorte pois tivemos un guía, un serfadí español que nos explicou con detalle toda a sinagoga. A comunidade xudía é escasa nestes momentos na capital búlgara.
Interior da Sinagoga
Non podíamos deixar de visitar o Museo arqueolóxico de Sofía estudo completo da cultura das tribos e pobos que ocuparon a actual Bulgaria desde o pasado remoto ata o século XVIII. Nós vímolo despois de percorrer Bulgaria e foi emocionante descubrir as xoias da sala IV (a «Cámara do Tesouro») que alberga pezas mestras atopadas nas tumbas tracias de Kazanlak, Svetsari, etc., como unha máscara funeraria dun rei tracio en ouro macizo ou unha preciosa coroa de loureiro feita tamén en ouro. Nas tres salas restantes exhíbense obxectos que datan desde o Paleolítico ata a Idade Media Tardía. Pódense atopar nelas ronseis funerarios, mosaicos, sepulcros, iconas relixiosas, xoias, útiles da vida cotiá etc
Centrámonos demasiado na parte antiga e o resto tivemos que velo case de pasada, pero como dixen valeu a pena, xa non deu tempo de fotografar moitos detalles que nos gustaría compartir.
Interior do Museo
Estelas funerarias
Imaxes da cidade e manifestación pola sanidade .
Paseo polo parque onde hai unhas vistas de toda a cidade e despedíndonos dela.
A cidade e ao fondo os Balcáns
Rematou esta primeira parte, pero a viaxe continúa. O próximo que imos contar xa será dende o Mar Exeo ao Adriático.
Pero antes antes quero acabar co alfabeto Cirílico, que nos atopamos en boa parte da viaxe ata o momento, tanto en anuncios como nos escaparates dos comercios como en nomes das rúas cartas de restaurantes e moitos textos en xeral. É moi fácil de aprender e a transcrición ao noso alfabeto facilita moito a compresión dos textos aínda que sempre é máis fácil co google lens.
Constantino e Miguel foron dous irmáns que no século IX partiron da cidade de Salónica (ou Tesalónica), da Macedonia grega, que entón formaba parte do Imperio bizantino. Ao profesar como monxes cambiaron os nomes polos de Cirilo e Metodio, eran de pai grego e nai búlgara e coñecían perfectamente a lingua eslava do sur, é dicir, o vello idioma búlgaro eslavo. A primeira tradución dos Libros Santos realizouse no século X no territorio do Primeiro Imperio Búlgaro. Bulgaria enviaba libros litúrxicos, traducións da Biblia e outros manuscritos a través dos misioneiros búlgaros, algúns dos cales pasaron a ser líderes relixiosos en Rusia.
O cirílico é un alfabeto moi difundido en
Europa do Leste. Foi derivado do grego —a través do glagolítico, unha fase
intermedia— no século IX e utilizado para traducir os textos cristiáns ás
linguas eslavas. Como todos os alfabetos da súa familia, escríbese de esquerda
a dereita. A orixe do alfabeto cirílico atópase no alfabeto grego co que segue
mantendo algunhas similitudes, especialmente na forma de escribir algunhas das
letras que o compoñen. Foi inventado polos dous monxes irmáns chamados Cirilo e Metodio.
O alfabeto cirílico e a súa transcrición.
Fin da primeira parte.
Comentarios
Publicar un comentario