Terceira parte. Viaxe por Albania, Macedonia do norte e Serbia.


Ola, a viaxe continúa, esperamos que gozarades o contado ata agora.

De Montenegro nos dirixímonos a Albania, estivemos en Durres, Ksamil, e Tirana, seguimos logo por Macedonia do Norte e Serbia.. Seguiremos compartindo esta experiencia

Vouvos falar da visita a Durres, estamos a 17 de outubro.

Alugamos, como fixemos ata agora, un piso no centro da cidade. O propietario era moi simpático díxonos que o piso estaba ao lado da casa da súa nai, e que  tiña garaxe no patio da casa. Cando chegamos preguntámoslle se tiña cafeteira, díxonos que non, que os albaneses adoitaban tomar café no bar e buscamos a forma de facelo nós, (mercamos un coador e con servilletas de papel, tiñamos organizado o xeito de facer o café), gústanos almorzar na "casa". Fomos ver a zona e cando volvemos ao piso, atopamos unha cafeteira nova diante da porta, pareceunos un bonito detalle.

Durrés foi fundada polos gregos, está considerada a cidade máis antiga deste país e é, despois da capital, Tirana, a segunda con maior poboación e importancia económica. Está moi cerca da capital, a só 38 quilómetros e é un pouco a praia e o porto de Tirana.

Trala fin da guerra, o réxime comunista de Enver Hoxha reconstruíu a cidade e converteuna nun centro de industria pesada. A liña de ferrocarril de 38 km que une Durrës con Tirana, iniciada en 1947, foi a primeira de Albania. E en 1980 a cidade chamábase Durrés-Enver Hoxha. 

Foi un dos máis importantes portos marítimos dos Balcáns, hoxe é caótica, desordenada, pero  paseando pola cidade atopamos restos de monumentos  romanos, bizantinos e venecianos. 

Escollemos Durres por estar á beira do Adriático, ter praia e polos seus restos arqueolóxicos: o anfiteatro, os baños públicos, restos dun acueduto e as murallas veneciano-bizantinas, a torre veneciana, e como xa vos dixen na outra crónica, os lugares para visitar polo camiño e pasar tres ou catro días, escollémolos con catro ou cinco días de antelación, e reservamos os pisos, pero xa tiñamos os países previstos antes do comezo da viaxe.

Foto dende o paseo 


O anfiteatro romano foi  construído na época de Trajano,  hai quen di por Adriano, coa chegada dos ostrogodos Durres  foi saqueada e o anfiteatro quedou en desuso e as súas pedras foron aproveitadas polos habitantes para construír vivendas privadas, tamén no paseo atopámonos cun mercado bizantino.

Anfiteatro



Mercado bizantino.


O castelo da cidade. Este monumento é particular, xa que está formado por unha única torre e unha muralla, polo que se coñece como Torre Veneciana. A súa orixe remóntase ao ano 400, durante o reinado do emperador bizantino Anastasio I. En 1939, o castelo foi a base dos patriotas albaneses que tentaban atrasar o avance do exército italiano.


Non sei como xestionan os contedores do lixo no verán, pero cando fomos a mediados de outubro foi un desastre, de día o lixo estaba na rúa, e a forma de recollelo era como se facía nos nosos 90, vimos como se recollían os restos con vasoira e a man.


 


Visitamos o Museo  Arqueolóxico, que  existe en Durres desde mediados do século XX. Non obstante, foi pechado en 2010 debido ás malas condicións técnicas. Construíuse un novo edificio na costa, moi preto do noso apartamento, hoxe é un museo moderno que presenta a rica historia de Durres e os seus arredores na antigüidade. As exposicións mostran elementos arquitectónicos, placas, mosaicos, útiles, xoias e esculturas da época grega, romana e helenística, pasamos unha das  mañás no museo.

Fachada do museo 


 



 

 

Pódese estimar hoxe en día que aproximadamente o 70 por cento dos albaneses da república son de orixe musulmá, e isto compróbase ver na rúa, sobre todo en Durres, en bares, cafeterías, a muller adoita ser unha "viaxeira", unha muller de pantalóns curtos ou con saia curta, tanto homes como mulleres dan a volta para mirarte, eu non o percibín noutros lugares albaneses, só en Durres, sorprendeume, sendo cidade turística de praia.

Cando saímos de Durres para chegar a Ksamil, paramos a visitar Apolonia, que era unha gran cidade da antiga Iliria, o reino que ocupaba o territorio dos Balcáns. Fundada no século VII a.C. polos gregos, era un porto importante no medio da Vía Egnatia. A cidade tiña uns 60.000 habitantes, e dous grandes nomes do Imperio Romano, o emperador Augusto e o xeneral Agripa, estudaron na escola de filosofía apolínea. Un terremoto no século III provocou o declive da cidade ao cambiar o curso das augas e ao anegar zona. Así proliferou a malaria no pantano provocando o abandono definitivo da cidade. Quedan restos do xacemento: Arco do Triunfo, un Odeón, Bouleterion, Templo de Diana, Biblioteca... e aínda quedan moitos restos sen escavar, máis do 90% do xacemento. Os restos atopados nas escavacións sitúasen enfronte do mosteiro, na igrexa de Santa María, do século XIII.

Odeón un teatro cuberto para actuacións musicais.


Bouleuterion, é o edificio onde se reunía o boulé, ou concello, nas cidades da antiga Grecia.


Comemos nun restaurante de Apollonia e continuamos a ruta cara a Ksamil. 

Ao longo da ruta de Durres a Ksamil, como non podía ser doutro xeito, a estrada estaba chea de búnkers construídos por Enver Hoxha (1944-1985), uns 750.000 búnkeres construíronse en Albania, un por cada catro habitantes, co fin de protexer ao país dos inimigos. Os búnkers militares de formigón son un espectáculo omnipresente en Albania, cunha media de 5,7 búnkers por quilómetro cadrado; gañeille a Benito unha cea, dicíamos cada vez que os viamos, "búnker", quen o vira antes iamos engadindo e eu vin máis... gañei!

Pasamos por Gjirokastra, que foi o berce dalgúns dos albaneses máis famosos da historia, como o líder comunista Enver Hoxha ou o escritor albanés máis universal, Ismail Kadare. Estivemos no 2019, que nos gustara moito, e claro que paramos a lembrar os nosos días nel.

Gjirokaster está a só unha hora e media en coche (65 km) ata Ksamil pero é unha estrada estreita que cruza unha serra con grandes cantís, dá un pouco de medo, sobre todo á subida que hai que ir pola beira dos cantís,  as unhas curvas son un tanto estrañas, pero a paisaxe é fermosa.

O seguinte lugar no que estivemos cinco noites foi Ksamil, no sur de Albania, preto da fronteira con Grecia, é unha vila de pescadores con praias de augas cristalinas e azuis a maioría destas praias son privadas e pertencen a bares e restaurantes. O tempo sorprendeunos, non era o que esperabamos, tiñamos de todo, sol, choiva, picaduras de mosquitos... Pero é un lugar tranquilo, con aldeas moi curiosas arredor. Moitos hoteis, bares, restaurantes, xa estaban pechados, cando fomos á praia unha mañá puidemos estar nas hamacas, sen problema, os donos dos restaurantes non tiñan xente, e aos poucos que quedaramos deixábannos as hamacas gratis.

Diante de Ksamil está a illa de Corfú, esa foi a nosa idea, pasar un día nela, pero xusto cando o planeamos, non había barcos para achegarnos , será para a próxima se volvemos aquí. .. No caso de que vos animedes a facer unha viaxe por estes lugares, sabede que tedes que coller o ferry en Sarande, tarda uns 30 minutos en chegar, e o prezo é duns vinte euros. 

Corfú ao fondo.

A praia 

 Ceamos no restaurante Guvat, un dos poucos que estaban abertos na praia. Boísima cea.


Como vedes estamos sós.


A un quilómetro e medio de Ksamil atópase o Parque Nacional de Butrinto, que conserva un testemuño único da cultura e civilización helenística, romana, bizantina, veneciana e otomá.

O xeógrafo Hecateo de Mileto describe a Buthrotum como un importante porto e centro comercial na principal ruta do mar Adriático. 

 En distintos puntos de Butrinto hai ruínas, estruturas e vestixios de asentamentos humanos que van dende a Idade do Ferro ata a Idade Media como un teatro romano, un antigo baptisterio, unha gran basílica, as murallas da cidade e dous castelos. Só unha pequena parte da antiga cidade romana foi escavada e as campañas arqueolóxicas están a sacar á luz novas partes da cidade.

Teatro construído no século III a.C., posteriormente adoptado ao estilo romano

 O Festival de Teatro dos Balcáns celébrase cada xullo no Anfiteatro de Butrinto.


 


A Porta do León é unha das seis entradas das murallas do período helenístico (século IV A.C.). Esta porta coa imaxe tallada dun león mordendo a gorxa dun touro simbolizaba a defensa da cidade. A súa estreita entrada servía para que en caso de ataque moitos atacantes non puidesen entrar ao mesmo tempo, e así poderían ser abatidos facilmente. 


Enriba da acrópole está o museo. O edificio en forma de castelo é en realidade unha reforma que imita o antigo edificio medieval veneciano, feita polos italianos que realizaron a escavación nos anos 30 do século pasado. 

O conxunto do parque nacional ten diferentes motivacións turísticas. Por unha banda, atopamos as ruínas da antiga cidade de Butrinto, patrimonio da UNESCO, por outra banda, o lago é considerado un destino ecoturístico de primeiro nivel, mentres que Ksamil é un centro de vacacións de praia e relax.

O lago

 

De Ksamil, volvemos facer a viaxe pasando polo porto camiño de Gjirocastra cara a Tirana.

Estivemos no 2019 pero atopamos a cidade moi cambiada. Estanse levantando varias torres de vivendas no centro que cambian a fisionomía da cidade e o que se coñece como a Pirámide, que se inaugurou o 14 de outubro de 1988 como museo Enver Hoxha e tamén foi base da OTAN durante a guerra de Kosovo, hoxe vai ser rehabilitado, nun estupendo edificio de vivendas, oficinas, talleres, aulas, onde os mozos poden formarse en diferentes campos da tecnoloxía de balde.

Nesta viaxe completamos o que quedaba por ver cando estivemos no 2019 .

Fomos visitar o búnker de E. Hoxha, BunK`Art 1. Hoxha sufría un delirio de conspiración e decidiu afastar o país do resto do mundo e, como dixen, construíu uns 750.000 búnkers de cemento por todo o pais, para defenderse dun ataque global que nunca chegou ,e tampouco usou o búnker que fixo para el mesmo. O Bunk Art1 está un pouco lonxe do centro, é incrible, TEN UNS 130 CUARTOS, onde incluso tiña cámaras de saneamento por se fose atacado con bombas nucleares e un teatro. 

Tamén queriamos visitar a galería nacional, pero levaba tres anos pechada, alí atopamos as estatuas dos grandes líderes do comunismo, pero agochados, detrás do edificio. Xa falamos de Tirana noutro blog, e non quero repetilo. 

Líderes do comunismo agochados.


 

Déixovos as fotos da cidade

A praza de Skanderbeg é a praza principal de Tirana, nomeada en 1968 en homenaxe ao heroe nacional albanés Skanderbeg, na praza está a Galería Nacional, a Ópera, a Mesquita.


  Búnker E. Hoxha, BunK`Art 1

 


 Interior do Búnker 



Cámaras de saneamento para o caso de radiactividade ou gases tóxicos no exterior.

O despacho de Hoxha

 Esta foto vai para todos vós

 

De Tirana fomos a Macedonia do Norte, Skopje.

Ata agora só tivemos o pequeno problema da xogada que nos fixo Vodafone (deixounos sen teléfono móbil, sen conexión durante unha semana), pero cando chegamos á fronteira de Macedonia, despois de mostrar o pasaporte COVID, pedíronnos a tarxeta verde, (este é un documento que acredita que o vehículo ten seguro, co alcance e límites establecidos na Lei de Seguro de Responsabilidade Civil de Vehículos de Motor do país onde se produce o accidente). Nunca nolo solicitaron, xa non se fai, si tiñamos un do 2008, cando fomos a Marrocos, antes era obrigatorio e Benito preguntoulle canto custaba, e a resposta foi de dous euros ao día, dixémoslle que iamos quedar cinco días, e díxonos que o mínimo a pagar eran 50 euros. Así que xa sabes, que se vas a Macedonia do Norte leva a tarxeta verde.😊

A capital de Macedonia do Norte, é Skojpe, está situada no curso superior do río Vardar, nunha das principais rutas dos Balcáns entre Belgrado e Atenas. A disputa do nome de Macedonia foi un conflito entre Grecia e a antiga República Iugoslava de Macedonia causado por un desacordo entre as dúas nacións sobre o uso do termo Macedonia.

Dígoo en poucas palabras, para entender un pouco o problema: en 1991, o territorio de Macedonia conseguiu separarse de Iugoslavia e en 1993 recoñeceuse oficialmente a súa independencia. A situación desenvolvíase dun xeito relativamente normal, pero os gregos (tanto políticos como civís) estaban en contra da existencia do país porque non querían que Macedonia se chamase Macedonia... Ata finais do século VI a.C. o territorio dos macedonios estaba limitado a unha zona ao norte das cidades-estado helénicas. Coa chegada do rei Filipe II e do seu fillo Alexandre, a partir do século IV a.C., os macedonios dominan o mundo heleno. Durante o imperio romano (s. II a. C. ao século III d. C.) a provincia de Macedonia comprende todo o actual territorio de ARYM (Antiga República Iugoslava de Macedonia), as provincias gregas de Macedonia e Bulgaria, así como a actual Grecia central e o sur de Albania. En 1913, despois das guerras dos Balcáns, Macedonia foi dividida entre Grecia (51% do seu territorio), Serbia (38%, a actual ARYM) e Bulgaria (11%). Cando Skopje decidiu construír a súa identidade nacional arredor do termo "Macedonia", unha gran parte da cidadanía grega sentiuse atacada, xa que considera que o antigo reino de Macedonia é unha parte esencial da historia do helenismo, e non doutras nacións veciñas. 

Nesta cidade fomos a un hotel, con almorzo incluído, o único no que nos hospedamos durante toda a viaxe, non estivemos mal, estaba máis ou menos céntrico, pero xa sabedes que o apartamento nos parece máis cómodo. Chamábase O Hotel Leonardo está situado preto de Warrior on a Horse (1,2 km) e Skopje Art Bridge (1,3 km) en Str. Partenij Zografski, 19, Skopje. Era un paseiño ata o centro.
 
O proxecto «Skopje 2014». A idea era darlle un lavado de cara á cidade, reconstruír numerosos edificios gobernamentais destruídos no terremoto de 1963, novas pontes, avenidas, museos..., en definitiva, facer de Skopje unha cidade máis monumental e fermosa e aproveitar para crear identidade Macedonia. 
 
A praza de Macedonia ou simplemente "a praza principal" é o mellor reflexo do aire novo nos antigos países de Iugoslavia. A magnitude das obras que remodelaron o centro de Skopje son como pouco difíciles de describir. No centro da praza érguese unha columna de 22 metros ao estilo da Columna de Traxano en Roma, rematada por unha escultura ecuestre de Alexandre Magno á que, para non molestar aos gregos, déronlle o nome de "O gran guerreiro". Aínda que non se menciona implicitamente ao rei macedonio -entre outras cousas porque só a súa construción suscitaba bochas cos veciños gregos-, non cabe dúbida de que a esvelta figura do guerreiro é a de Alexandre Magno e o seu cabalo Bucéfalo. 

O arco triunfal da Porta de Macedonia é unha das entradas á praza central, simbolizando o nacionalismo macedonio.

 


 

O ancho da ribeira do río Vardar á altura da ponte de pedra fai pensar na importancia da súa canle e que permitiu a construción de varias terrazas nas que se pode pasear ou pescar. A carón dun dos piares dos arcos da ponte hai unha escultura dun bañista disposto a mergullarse nas augas.

Xente pescando no río, e a bañista. Ao fondo o Museo Arqueolóxico.


 


Pasada a ponte e camiño do vello bazar, atopamos un grupo de estatuas e a Fonte de Olimpia. Chámase así porque reproduce a nai de Alexandre Magno en diferentes momentos da súa vida, e tamén se coñece como Maternidade.

 


E o conxunto escultórico remátase cunha gran estatua do pai de Alexandre Magno, Filipo de Macedonia. 


Seguimos camiñando cara á zona do bazar, as súas rúas estreitas, o constante bulicio, o animado comercio forman parte do encanto do antigo bazar de Skopje; chama a atención sobre a marca de auga de xoieiros mesturados con souvenirs, roupa militar retro da antiga Iugoslavia e restaurantes coa simbiose da cociña eslava e turca.


 


Bos e saborosos pratos  




 
Os cafés típicos aínda ofrecen a oportunidade de gozar do ritmo tranquilo do café, o narguile ou o té a calquera hora do día. Só a chamada á oración dos musulmáns co desfile dos fieis ás diferentes mesquitas interrompe por un momento as actividades 



Ao outro lado da rúa hai outro museo importante: o chamado Memorial do Holocausto Sentro dos xudeus de Makedonia, non o puidemos visitar, leva tres anos pechado.



Preto da entrada da fortaleza atópase a mesquita de Mustafa Pasha (construída en 1492, o ano en que Colón chegou a América). Maxestuosa e colgada como un balcón sobre o río, a mesquita de Mustafa Pasha é un dos monumentos máis interesantes da cidade. 


Dominando a cidade desde o outeiro, a fortaleza de Kale é o lugar ideal para ver Skopje. A fortificación -non un castelo- comezou a trazarse baixo o mandato do emperador Xustiniano I no século VI d.C. -que a dotou de extensos muros de pedra caliza e travertino amarelo- con continuas intervencións dos pobos que controlaban a cidade como o Imperio búlgaro, o rei serbio Esteban Uroš IV Dušan, ou os otománs. De feito, o nome Kale provén do turco, que simplemente significa forza. 


 

Visitamos o Museo da Loita de Macedonia pola Soberanía e a Independencia que abriu en 2011 para explicar feitos concretos da historia de Macedonia, como a dominación otomá, a dependencia do imperio búlgaro ou serbio ou o período de Iugoslavia. O prisma é claramente nacionalista nun Estado relativamente novo que pretende afirmar ou destacar determinadas figuras tras outras.


 

Esta imaxe permítenos lembrar a guerra dos Balcáns de 1913. A primeira guerra dos Balcáns foi un enfrontamento militar que tivo lugar nos anos 1912 e 1913 entre as nacións reunidas na Liga dos Balcáns e o Imperio Otomán. O obxectivo da Liga era expulsar o Imperio de Europa e dividir os seus territorios balcánicos.

Paseando pola cidade atopamos o edificio do teatro, non podías visitalo 



Non saímos da cidade sen ir ao Museo Arqueolóxico, como debe ser, había unha exposición temporal de Rafael, e tamén levamos a entrada, simplemente eran fotos da súa obra.... A exposición permanente ten unha completa colección de estatuas, máscaras e outros obxectos das culturas grega, romana e bizantina, moi interesante.

 


 
 

Estamos xa a 31 de outubro e quédanos un mes da viaxe. 😉

A seguinte parada é Serbia, vouvos contar e rematamos esta terceira parte, agardamos que vos sexa de utilidade e que o pasedes ben e desfrutedes da viaxe como fixemos nós. 

Entrando en Serbia


A nosa parada foi na capital, Belgrado, unha cidade buliciosa, con ambiente, desfrutamos moito.

Alugamos de novo un apartamento, atopamos un pequeno "agasallo", cando Benito quixo quentar leite para almorzar pola mañá, atopouse con que había comida no microondas, cando en teoría revisan e limpan cando chega un novo inquilino e cobran esa limpeza aos inquilinos, nós deixamos os pisos o día que marchamos sempre impecables. O propietario do piso pediu desculpas, mandámoslle unha foto vía WhatsApp... todo en orde, era un piso céntrico e tiñamos un patio onde aparcar, o que é importante xa que aparcar na rúa no centro de Belgrado é case imposible.


Chegamos a Belgrado sobre as 18:00 horas, e unha vez que estivemos no piso e aparcamos o coche, fomos ver a cidade, fomos á Praza da República, unha das prazas céntricas. No medio da praza está a estatua do príncipe Miguel III Obrenović, e ao seu redor están o museo e o teatro nacional. Moi preto desta praza está a praza peonil Knez Mihailova. Rúa Knez Mihailova.


 Praza peonil Knez Mihailova. Se miras, como sempre, están presentes as tendas Zara e HM....

 

A fortaleza de Belgrado está formada pola antiga cidadela amurallada e o parque Kalemegdan, e desde aquí podes facer a foto perfecta para ver a unión dos ríos Danubio e Sava.

 Ao fondo os dous ríos: Danubio e Sava


A orixe da fortaleza remóntase aos anos 378/441 d.C., cando os romanos construíron un “castrum”, un campamento fortificado, na parte máis alta do actual parque de Kalemegdan. Como resultado dos bombardeos durante a Primeira Guerra Mundial, a maioría dos edificios dentro dos muros foron destruídos e os propios muros quedaron moi danados. Durante a Segunda Guerra Mundial, as forzas de ocupación alemás estaban estacionadas aquí.



 Parada "técnica" para tomar un café na fortaleza.



Visitamos a fortaleza, o Museo Nacional de Serbia que foi fundado en 1844 e que está situado na Praza da República e percorremos a cidade, é cómodo facelo, tamén queriamos ir ao museo Nicola Tesla, pero só se podía visitar agardando a que se xuntase un certo número, para facer un grupo, explicación en inglés e con guía, deixámolo.



Demos un paseo pola rúa Skadarlija, unha fermosa rúa bohemia chea de historias sobre artistas de Belgrado. É moi recomendable dedicarlle un momento a paseala, apreciar a beleza e a cor do seu local, e aproveitar para tomar un aperitivo nalgún dos seus bares ou restaurantes.



 
Comemos no barrio bohemio

 


Paseando pola cidade, atopamos este memorial, dedicado á poboación civil, especialmente aos nenos, na agresión da OTAN de 1999 dentro da "Operación Forza Aliada" na que as primeiras bombas foron lanzadas por F18 españois, no bombardeo de Iugoslavia, a OTAN, cuxo secretario xeral era naquel momento Javier Solana, era a primeira vez que se utilizaba a forza militar sen a aprobación do Consello de Seguridade da ONU.


 

E para rematar vouvos deixar algunhas das obras  do museo nacional que está situado na Praza da República.

Uroš Predić, pintor realista serbio. Predić é quizais máis coñecido polos seus primeiros traballos que representan a xente común, así como polos seus numerosos retratos.

Fuxindo de Herzegovina


Miguel III Obrenović foi un membro de la dinastía Obrenović que reinou dúas veces como Príncipe de Serbia.


 

Rúa Dubrovnik

 

Unha das sobremesas favoritas dos serbios, é unha torta salgada elaborada con queixo fresco e masa follada. É moi habitual tomalo en vacacións, como aperitivo nas reunións familiares ou mesmo para o recreo dos nenos. Moi rica por certo, comprámolo para o aperitivo, antes da cea.


Deixámosvos, esperando que vos gustara. Hai unha última etapa: Hungría, Eslovaquia, Chequia, Alemaña, Francia, España. Vémonos na próxima crónica. 😉


 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Viaxe á Bretaña Francesa Setembro 2020

Viaxe ao Deserto. Marroco, Decembro de 2022

Fin da Viaxe:Thomson Springs, Rangely, Cheyenne , Denver, Houston.