A nosa viaxe a EEUU.23 Maio- 23Xuño 2022
Voltamos de Menorca, unha illa moi bonita, e tiñamos pensado facer unha viaxe a EEUU, antes da chegada do verán, xa que en xullo e agosto estase mellor na casiña, e así foi. Vouvos contar as nosas experiencias.
O primeiro lugar que visitamos foi Atlanta, aquí alugamos un piso, e tamén seria a cidade á que regresariamos para voar a Madrid. De Atlanta no estado de Georgia, fomos a Nova Orleans en Louisiana, seguido de Houston e Dallas en Texas, Oklahoma City, capital do estado do mesmo nome, Denver e Gramby en Colorado, Thomson Springs en Utah, Dinosaur de novo en Colorado e Cheyenne en Wyoming. Volvemos a Denver, de aí a Atlanta, Madrid e Pontevedra, para casa. Fixemos viaxes en autobuses, avións domésticos, alugamos un coche. Foi unha boa experiencia. Pasaron moitos contratempos, pero todos se superaron, atrasos de 4 horas no autobús e ninguén dixo por que, tamén cancelación do bus sen devolución, e aviso despois das 5h:30 de espera, e iso contradiciu os nosos plans, xa que reservaramos un piso na seguinte parada e polo tanto non tiñamos onde quedar esa noite, o cal nos obrigou buscar solucións, pero todo se arranxou. O malo foi perder un día da nosa viaxe. E máis cousiñas,,, pero xa vos irei contando.
Voamos de Madrid a Atlanta e unha vez que chegamos, atopámonos con que ía unha calor terrible, fomos na procura do piso, e como xa era tarde saímos a dar un paseo para coñecer a cidade, buscamos un supermercado, para tomar algo e almorzar en "casiña" xa que o ambiente nas rúas non ofrecía moitos alicientes. Ao día seguinte comeza a viaxe de verdade e fomos percorrendo a cidade.
Atlanta é unha das cidades máis importantes dos Estados Unidos e nela naceron dous dos mitos máis notables e simbólicos do país e mesmo do mundo, a Cocacola e Martin Luter King Jr. No ano 1996 celebráronse as olimpiadas que deixaron unha clara impronta na cidade. En Atlanta tamén nos atopamos coa sede mundial da cadea CNN que se atopa nun edificio que se pode visitar. Empezamos coñecendo o típico barrio americano de Cinco Puntos, moi singular e con moreas de bares, tendas e galerías de arte, logo dirixímonos ao centenario Parque Olímpico onde están algunhas das atraccións máis importantes da cidade: o museo de Cocacola, o acuario e o museo dos Dereitos Humanos.
Pola tarde fomos ao barrio da Midtowm, caracterízase por ter bares, terrazas, tanto para comer como para beber, é unha zona moi dinámica, hai moitos bares gays, chamaron a nosa atención os fermosos pasos de peóns pintados coa bandeira LGBTI. Neste barrio paramos nunha terraza e pedimos un café con xeo, cando rematamos o café, seguimos camiñando e atopamos o parque Piedemont, un parque enorme e moi coidado con campos de fútbol, balón, voleibol. Dentro do parque está o xardín botánico, que estaba pechado, non o puidemos ver, unha mágoa xa que parecía dende fora moi ben organizado.
Atlanta é unha cidade moi verde, no camiño de volta vimos algunhas das súas casas tradicionais rodeadas de árbores, moi bonitas e cunha arquitectura variada e eclética, o símbolo da cidade é o péxego e a súa rúa principal chámase Peachtree St.
Casas tradicionais rodeadas de árbores,
Ao día seguinte visitamos o Capitolio e moi preto había tendas de acampada onde se instalaban os sinteito da cidade, campamentos, que vimos en todas as cidades que visitamos, e achegámonos a un pequeno memorial que se atopaba ao seu carón, por toda USA pódense ver diversos memoriais, monumentos e xardíns dedicados aos soldados que participaron nas diferentes guerras nas que se implicaron os norteamericanos.
Seguimos camiñando pola cidade coa idea de visitar o Centro Histórico de M. Luther King Jr., a rúa estaba nun estado bastante deplorable e algunhas vivendas foran transformadas en bares, no Centro Histórico atopamos paneis, gravacións que explicaban a historia dos movementos reivindicativos dos dereitos civís e a vida de MLK, mesmo estaba o carromato que o levou ao seu funeral. Tamén se pode visitar a casa dos seus pais e a igrexa na que oficiou.
Campamentos de sinteito preto do Capitolio .
O Capitolio
Centro Histórico de M. Luther King.Jr.
Pola tarde tentamos ir ao centro de Dereitos Humanos, e cando nos achegamos a el, comezou a chover algo esaxerado, unha boa tormenta, e refuxiámonos baixo cuberto, cunha unha moza mexicana,tamén escapando da choiva co seu fillo e un neno que estaba ao seu coidado, viñan do acuario e tamén se refuxiaron, agardando a que os viñeran a buscar, a chica era moi faladora, deunos o seu número de teléfono, por se volviamos a Atlanta, para ir a próxima vez á súa casa, e que logo a convidaramos a Pontevedra. Levaba 25 ou 30 anos vivindo nunha cidade de Xeorxia, pero non tiña papeis, e por suposto non podía volver a casa para ver á súa familia, a México, xa que para voltar a saír tería que voltar a cruzar ilegalmente a fronteira e pagar a un "coyote" para que a pasara, era un dos dreamers que soñan con conseguir a nacionalidade norteamericana pero non se lles dá tramitado. Durante a presidencia de Obama parecía que se podería conseguir e H. Clinton pensaba regularizar aos dreamers pero ao ganar Trump as esperanzas desvanecéronse. En calquera caso contounos dende que chegou a EEUU sempre tivo traballo, os seus fillos son americanos pero non pode saír porque pode costarlle volver entrar
Cando deixou de chover achegámonos á sede da CNN, o centro de Dereitos Humanos, pechara xa as súas portas, e quedamos sen poder visitalo, e despedímonos de atlanta con esta visita.
O 26 de maio saímos para Nova Orleans, o día anterior coma sempre fomos mercar os billetes, e insistiron en que chegaramos media hora antes da saída, eran as 7 da mañá, e alí estabamos, pasou unha hora, dúas, tres, e nós non subiamos ao bus, agardamos 4 horas e non deron explicacións, a xente, supoñemos, estaba afeita, ninguén dixo nada, vimos pobres levando as súas pertenzas, inmigrantes ilegales sobre todo, supuxemos que o silencio viña de aquí, non se pode protestar porque moitos usuarios atópanse en situación ilegal, coñecemos a un rapaz que acababa de chegar de Nicaragua e pretendía alcanzar Miami e coincidía no mesmo autobús que nós ata Nova Orleans e despois continuou a súa ruta, cambiando de autobús, díxonos que atravesara selvas e desertos, que pasara moita fame, cansanzo e sede no camiño, e que lle tivera que pagar 4.500 dólares a un coyote, parecía feliz e ao mesmo tempo serio, tranquilo, porque conseguiu o seu obxectivo e con o desexo de atopar unha nova vida. Semellaba ser un chaval cunha boa educación e que seguramente tivera un bo nivel de vida no seu país pero que nos últimos tempos se sentiría obrigado a emigrar a pesar do risco que supuña pero segundo aseguraba en Nicaragua non hai ningún tipo de esperanza para a xente xoven e a vioencia constitúe unha ameaza permanente e un freo para o desenvolvemento persoal, por iso, a pesar dos moitos riscos cos que se ía atopar no seu camiño cara aos USA, decidiu emprendelo e agora sentíase seguro por ter chegado e acadado o seu obxectivo.
A espera.
Pola tarde despois de comer, relaxados e frescos grazas ao aire acondicionado, achegámonos ao parque Louis Armstrong, tiña esculturas relacionadas co mundo musical de N. Orleans e o propio Louis Armstrong e unha vez que pasou un pouco a calor continuamos o noso paseo pola parte da cidade nova e do barrio francés.
O segundo día toca controlar o autobús a Houston, aínda nos quedan días, pero queriamos asegurar a viaxe, conseguir os billetes, demos un bo paseo, pois non había autobús directo e Uber non funcionaba. Ao final optamos por descargar unha aplicación para taxis do país, escollimos LIFT que resultóu funcionar moi ben e obter moi bos prezos polos traxectos. Conseguimos os billetes de autobús para Houston!
Despois do café fomos ao museo, non é un edificio grande pero ten obras de importantes artistas, dende o Greco, Pollock, Degas, Picasso, coleccións de arte oriental, africana, exipcia... é un museo moi bonito, e incluso nos deu tempo a dar un bo paseo antes de coller o autobús para volver ao centro.
Cando rematamos a visita notamos que estaban organizando unha festa dentro do museo, era unha voda!!!.
O lago
Cando chegamos ao centro fomos despedir a cidade cunhas cervexas a un lugar tranquilo, caras, moi caras, de 8 ou 9 euros cada unha, fomos ao barrio francés, e despois despedímonos do río Mississippi
.
Así estaban os bares da zona da marcha, ateigados.
En resumo, Nova Orleans é unha cidade de ambiente moi liberal coas rúas cheas de xente, pubs con moita música en directo, alegre, hai tendas de souvenirs, eu colecciono caixas para as pilulas, non as atopei en toda a viaxe, nin espellos para o bolso, o que si atopei foron lapis das zonas que visitamos, que tamén colecciono.😉
A presenza española na historia da cidade percíbese no nome das rúas, e o mesmo ocorre coa presenza francesa. E por último comentar que nos restaurantes predomina a comida americana pero tamén crioula e cajún: ostras, lagostas, e vimos nos restaurantes populares longas colas para poder cear, cola que tamén fixemos nós para probar algunhas especialidades de peixe pero non as ostras típicas da zona que son moito peores que as de Arcade.
Estamos a 30 de maio, día da viaxe cara Houston. Temíamos unha viaxe accidentada, con atrasos, pero neste caso viaxamos con Flixbus, saímos á hora prevista e chegamos no tempo necesario recorremos a beira do delta do Mississippi, con
zonas verdes e boscosas e outras pantanosas con mangleiros. Unha paisaxe espectacular.
A fiestra desde a que presuntamente foi disparado JFK está situada no sexto piso do museo, este edificio está na intersección das rúas Elm e Houston, en Dealey Plaza, no centro de Dallas. Ao fondo pódese ver a Torre Reunion, é unha torre de observación de 151 metros de altura
Seguimos percorrendo a cidade e achegámonos ás esculturas de bronce con máis de 30 vacas de tamaño natural que se atopa nun dos parques, levan ademais dous vaqueiros a cabalo, e que se atopan no centro da cidade. Todos eles están en diferentes posicións. Algúns pretenden beber auga nunha pequena lagoa
Ao día seguinte, volvemos ao centro, e achegámonos ao centro de escultura Nasher, con escultura moderna e contemporánea. Está situado no corazón de Dallas, xunto ao Museo de Belas Artes, foi deseñado por Renzo Piano e o paisaxista Peter Walker e foi inaugurado en 2003. O museo está xestionado por unha fundación privada.Ten un amplo xardín con esculturas de Miró e Picasso entre outros e un bar onde comemos algo por un prezo razoable.
Comentarios
Publicar un comentario