Fin da Viaxe:Thomson Springs, Rangely, Cheyenne , Denver, Houston.

Fin da viaxe. É o 11 de Xuño e dende Gramby viaxamos a Thomson Springs,

Camiño da América profunda, paramos no medio do deserto, con temperaturas arredor dos 40 graos, e escollemos unha pequena ruta sendeirista dun par de quilómetros de interese xeolóxico, a ruta do Rabbit Valley trail Through time, nun entorno propicio onde vivían no seu tempo os dinosauros herbívoros e os seus depredadores carnívoros. 

Un paseo moi interesante pero nun día infernal.


 

Pola tarde chegamos ao noso destino, unha vila pantasma, onde pasamos tres días Thompson Springs, casas abandonadas e algunhas casas móbiles espalladas; esta vez estivemos nun hotel, o único da zona "Hotel Desert Moon", foi construído no ano 1936, é de de madeira, un antigo hotel de mineiros, e que hasta hoxe se mantívo practicamente igual, tiña 6 cuartos pequenos con lavabo e dous baños comúns para os diversos hóspedes. Ao lado do hotel un patio cuberto cheo de po, alí coñecimos a Sam e Lucy unha parella de moteiros duns 70 anos que estaban de camiño, ao día seguinte ían cara California pero sen destino nin programa, sen paradas previstas, levavan boa parte das súas vidas montados nas súas motos viaxando dun lado para o outro por todos os USA, tamén coñecemos a dúas rapazas que nos lembraron a Telma e a Louise, unha película da que se rodou parte nesta zona, pero coa que máis falamos foi  con Rebeca coa que coíndimos tres días no Desert Moon, cóntanos que está xubilada e que leva meses viaxando por EEUU, visitando parques naturais e pequenas cidades, vén de Arizona pero vai camiño de Santa Fe, a capital de Novo México, contounos que non ten residencia fixa, nin fogar, que naceu en Oregón e traballou en varios estados e que agora busca un lugar onde establecerse e ter un domicilio, ten  o seu coche e o seu can como únicas propiedades. Visita á súa filla e á súa neta cando pode ou cando lle piden axuda, xa que ten unha neta. Intercambiamos números de teléfono e a día de hoxe estamos en contacto. Felicitámonos as vacacións de Nadal e fai uns días propuxémoslle colaborar con De vella a bella; ía camiño do Desert Moon onde pasará uns días e comprometeuse a enviarnos un texto con fotos contando as súas impresións e as súas viaxes dentro dun par de meses.

Rebecca e Yoda



 O hotel onde nos aloxamos  e o noso coche.



Thomson Springs está situado no condado de Grand Utah. A cidade comezou a vida a finais do século XIX como parada da estación do ferrocarril occidental de Denver a Rio Grande. Importante pola súa arte rupestre é un sitio arqueolóxico situado en Thompson Canyon (uns 5,6 km [3,5 millas] ao norte de Thompson Springs). O distrito inclúe varios grupos ben conservados de petróglifos (imaxes gravadas na superficie da rocha) e pictografías (imaxes pintadas na superficie da rocha) deixadas polos primeiros nativos americanos, as  imaxes poden ter máis de 4000 anos.


  Petroglifos de  Cañón de Sego, Thomson Springs

 



Pola tarde visitamos Mohave, xa que no Parque Nacional de Arches había que inscribirse, e ese día era imposible, non había prazas e deixámolo para o día seguinte.

Ao día seguinte puidemos ir ao parque, é impresionante, espectacular, con formacións de arenisca xurásica como os arcos que lle dan o nome, columnas, formas diversas, viaxas no coche e fas paradas ou pequenos paseos para observar estes fenómenos da natureza; nós camiñamos polo parque ata a hora do peche e despois volvemos á cidade de Mohave para comer algo e dirixímonos á "casa".


 

O plano

Etamos a 13 de xuño este dia fomos ao Parque Nacional Canyonlands que abrangue unha vasta área natural salvaxe no sureste de Utah, ao redor da confluencia dos ríos Green e Colorado. Con 1.380 quilómetros cadrados, o parque contén innumerables canóns, arcos, espirais e unha incrible variedade doutras formacións rochosas.


 

Antes de regresar ao hotel fomos ver os petróglifos no límite co estado de Colorado, polos que discorre o río Colorado.

 


 



O día seguinte é día de saída, Rebeca marchou antes pois quería chegar a Santa Fe no día e tiña máis de 1200 millas, nos saímos un pouco máis tarde camiño de Rangely coa idea de pasar un par de noites para ver o Dinosaur National Park, chegamos cedo e fomos directamente tomar un café e ao centro de recepción do parque. 

Como vos dixen, non podíamos saír do estado de Colorado, e realmente a colección de ósos de dinosauro está en Utah, limítrofe con Colorado, e non nos arriscamos, podería suceder calquera cousa, o que significaría unha multa de 350 dólares.

En Rangely estabamos na natureza, é tranquilo, pequeno, pero con encanto. A rúa principal tiña moitas e variadas flores, cheiraba moi ben toda a vila. 

 

En Moosehead (alce), alugamos un apartamento, estaba ben.


O noso apartamento


Rangely é unha pequena cidade situada no condado de Río Blanco no estado estadounidense de Colorado. 

 Como non podíamos saír de Colorado e ir a esta parte de Utah, as tres noites que pasamos en Rangely percorremos "The Harper's Corner Trail" que é unha ruta natural" sobre os canóns dos ríos Green e Yampa.

 


 

 


 


O 16 de xuño foi un día na estrada camiño de Cheyenne, a capital do estado de Wyoming.

É unha cidade pequena, cuns 63.000 habitantes, aloxámonos nunha casa típica moi preto do centro, moi cómoda. A cidade posúe grandes avenidas, onde se sitúan os principais edificios públicos como o Capitolio do estado, empresas, bancos e edificios relixiosos de distintas confesións.

No sur da zona central hai tendas e bares, xeralmente de comida rápida, hai museos como o museo da estación, as vaqueras..., a praza central entre semana está baleira, pero as fins de semana fan concertos musicais e montan carpas con diferentes tipos de cervexa, moito ambiente familiar. Chamounos a atención que non se vía xente de cor como nas outras cidades por onde pasamos, nesta a case totalidade das persoas eran de raza branca. Xa despedindo Cheyenne, un día antes visitamos o Museo Estatal de Wyomig, que alberga obxectos, artefactos, fotografías que amosan a historia de Wyoming dende os seus inicios, tamén hai restos de dinosauros, roupa occidental, xoguetes, unha sección de minería de carbón da zona, algunha pintura americana. Pareceunos interesante unha zona dedicada á presenza vasca, chegaron coa febre do ouro, pero non tiveron éxito e comezaron a criar ovellas. Hoxe aínda hai un festival con música e mostras da cultura vasca. Como era a fin de semana fomos á festa da cervexa artesá, a actuación dos grupos foi moi boa, o ambiente tamén.

Fotos do Museo e tenda das vaqueiras no centro da cidade, moi naif






Atoparás moitas destas botas nun paseo pola cidade. Cada unha está decorada de forma única para contar un aspecto diferente da historia e da cultura de Wyoming. Un dos meus favoritos é o Wells Fargo no 1701 Capitol Avenue. celebrando a Wyoming como o primeiro estado en recoñecer o dereito ao voto das mulleres.
 

 
Había pequenas esculturas de nenos. E benito fixo un amigo ciclista!!!😉

 


Como vos dixen os fins de semana celebran a festa da cervexa artesá, déixovos uns vídeos.Pasámolo moi ben

 

 


 

 


 A praza pola mañá, sen xente.

O 19 de xuño imos camiño de Denver, non chegamos a coñecelo xa que o día que chegamos foi só para recoller o coche de aluguer, e agora toca devolvelo e parar tres noites.

De camiño a Denver e fixemos unha parada nun pobo moi bonito e animado, Fort Collin, era domingo pero había moitas tendas abertas e xente na rúa, tomamos un café na praza e comemos algo.


 

Chegamos a Denver, devolvemos o coche e collemos un tren para a cidade. Unha vez instalados, fomos dar un paseo polo centro pola 16th Avenue, unha rúa que se converte nun centro comercial ao aire libre, e un pouco cansos da viaxe, fomos cear a un dos moitos mexicanos.

O día seguinte foi un día de natureza, pola mañá fomos ao xardín botánico, moi interesante e ben coidado, cun invernadoiro con especies tropicais, un xardín xaponés, e varios minibosques. Pola tarde, despois de comer na casa onde durmimos, visitamos o parque central, ten esculturas moi curiosas e grandes lagos artificiais. No parque está o zoo, que non visitamos, claro, non queremos ver animais engaiolados, e o Museo de Historia Natural, un dos mellores de USA. Despois volvemos ao centro comercial, Avenida 16, onde xa pechaban as tendas de moda americanas e cadeas como HM. Fomos cear, Benito comeu carne das praderías de Colorado, parece ser que boísima.

Xardín Botánico



 

 Parque central



Quedábanos un día en Denver , así que intentamos aproveitalo ao máximo. O primeiro que fixemos foi ir ao State Capitol, un edificio moi aparente.

Entramos no Capitolio, vimos a sala de xuntas dos deputados, a galería de presidentes, a cúpula... Déixovos unhas fotos do interior e do exterior.


 



Vista do capitolio dende a rúa

Un gran problema en EEUU son os sen fogar. Actualmente hai 11 campamentos legais e ilegais. Merece a pena facer un aparte e falar deste problema.

PERSOAS SEN CASA EN DENVER

Algo que chama a atención ao pasear polas rúas de Denver e a presencia de centos de persoas sen fogar, algo que se aprecia en todas as cidades que visitamos. Con efecto, o problema das persoas sen fogar nos USA non é so un problema de Denver, nin sequera é Denver a cidade do país con máis persoas sen fogar nin con maior proporción nin Colorado o estado con máis homeless; pero aquí, ao estar instalados polo centro da cidade apréciase máis a súa presencia e existencia. Chaman a atención ver rúas céntricas coas beirarrúas ocupadas por tendas de campaña.


 

As persoas sen fogar son un serio problema en todos os Estados Unidos, onde hai máis de medio millón censadas nas cidades importantes. Pero, cal é a causa de que tanta xente non poda acceder a unha vivenda? a percepción pública dos americanos sobre as causas polas que unha persoa poda converterse nunha persoa sen fogar fai referencia a problemas individuais como drogadicións, problemas de saúde crónicos  ou enfermidades psiquiátricas como causas principais. A realidade é que as principais razóns, segundo estudos realizados en Denver e a súa área metropolitana, son a perda de traballo ou a incapacidade para atopalo (sobre todo dende a crise de 2008), o alto custo da vivenda ou a rotura de relacións familiares; a isto súmanse outras causas sistémicas como as desigualdades raciais, os salarios baixos ou o pago de atención médica. En definitiva, créanse unhas condicións económicas nas que moitos non poden manter unha vivenda estable. Por outra banda, o número de sen fogar duplicouse en Denver dende 2020 a 2021 como consecuencia da pandemia, é dicir o COVID veu a agravar seriamente o problema.

 a pesar da redución dun dos compoñentes habituais nas bolsas de homeless, os veteranos de guerra que se reduciron nun 15%.

Para axudarnos a entender, podemos botar unha ollada aos datos, tendo en conta que é moi difícil atopar datos certos xa que moitas persoas, aínda que máis do 50% durmen en albergues, non o fan de forma continuada e constantemente están aparecendo novas persoas que fican sen fogar así como persoas que conseguen saír da rúa. Algo que chama a atención á primeira vista é a sobreproporción de persoas BIPOC (negros, indíxenas, persoas de color), por exemplo, a poboación afroamericana representa o 5,3% da poboación de Denver pero son o 23,2% das persoas sen fogar, e nalgúns estados a proporción chega hasta cerca do 40%.

Aínda que o número é moi flutuante e hai persoas que so pasan unha noite fora da casa e outras que viven na rúa todo dende fai anos, en Denver, nun ano rexístranse unhas 21.500 persoas adultas que recorren aos sistemas de axuda, uns 2500 teñen entre 18 e 24 anos e poucos teñen menos de 18 en colorado (aínda que son case o 40% en California), unhas 8300 familias enteiras solicitaron axuda, en xeral predominan  os homes sobre as mulleres e o 95% teñen aquí idades entre os 25 e os 45 anos.

Todo isto non quere dicir que a sociedade viva de costas á esta xente, non. Existen fundacións, observatorios, asociacións ou institucións e organismos públicos que se preocupan de mellorar as condicións dos sen fogar, atopar medios para sacar ás persoas da rúa, tentar de buscar vivendas baratas ou favorecer a súa construción ou proporcionar asistencia médica. Grazas ás accións destes grupos e organismos o último ano conseguiuse reducir nun 15% o grupo dos Veteranos de guerra, un grupo importante dentro dos sen teito. Na última campaña electoral, o actual gobernador de Colorado comprometeuse a resolver o problema e conseguir que todos tiveran casa, sen embargo, o número de persoas sen vivenda non deixa de aumentar. Parece claro que se trata dun grave problema nacional que xurde do propio sistema de distribución da riqueza, un problema que probablemente existiría tamén no noso país se non fora pola fortaleza das redes familiares que existen, pero que pode chegar a existir si a vivenda segue a subir de prezo mentres que os salarios seguen a perder poder adquisitivo a pesar dos esaxerados incrementos dos beneficios empresariais. A desigualdade, o racismo, a privatización dos servizos públicos, botan da casa a centos de miles de norteamericanos, cidadáns dun do países con maior renda per cápita do planeta.

Despedimos a cidade  visitando o interesantísimo "Museo de Arte de Denver", como todos os museos aos que nos achegamos na nosa viaxe, destaca a súa arquitectura e a súa colección artística, e tamén está todo explicado en castelán.



Rematou a viaxe , volvemos a Atlanta e entre o voo, cambio de hora, queda pouco, un paseo, cea de despedida e ao día seguinte voamos a Madrid.

Pero dando o paseo atopamos un pequeno concerto nunha esquina da rúa principal. Déixovos un vídeo.

 Temos que volver, é 22 de xuño, e voamos de Denver a Atlanta, hai 3 horas de viaxe, e entre espera, cambio de hora, e que xa nos queda pouco tempo. Coñecemos a cidade porque estivemos 4 noites, foi o noso punto de partida; 

 


Cando chegamos, demos un paseo polo centro, ceamos e despedimos. Ao día seguinte voamos a Madrid, durmimos en Madrid e ao día seguinte en tren ata Pontevedra.


 

 Ata a próxima, esperamos que gocedes da viaxe virtual. .

 


Comentarios

Entradas populares de este blog

Viaxe á Bretaña Francesa Setembro 2020

Viaxe ao Deserto. Marroco, Decembro de 2022