Viaxe ao Deserto. Marroco, Decembro de 2022


Foi unha semana de viaxe, pero a verdade é que moi intensa. Voamos de Madrid a Marrakech onde pasamos unha primeira noite, no lugar de encontro cos outros viaxeiros, porque  se trataba dunha viaxe organizada.

Cando chegamos a Marrakech, o primeiro que fixemos foi comer algunha cousa lixeira e ir á praza, todo en Marrakech xira arredor de "Jamaa el Fna". Miles de persoas e cada vez máis turistas reúnense neste espazo público ao atardecer que se enche de cor, cultura e negocios; contacontos, profesores expoñendo as súas ensinanzas, encantadores de serpes, bailaríns, pintadoras de tatuaxes de henna, odontólogos, vendedores de zumes de froitas, acróbatas, escritores de cartas, pequenos restaurantes que se van montando, portadores de auga... un número infinito de actividades e xente que se xunta e ateiga a praza o zoco contiguo e as súas rúas circundantes. É impresionante a cantidade de xente que se reúne alí.

 Ao fondo a Koutoubia


A mesquita de Koutoubia, omnipresente, é a mesquita máis importante de Marrakech e foi unha das máis grandes do mundo islámico cando foi rematada en 1158. A Koutoubia foi iniciada en 1141 polo califa almohade Abd al Mumin e destaca polo seu alto minarete (que lembra a a Xiralda) e pola súa cor ao estar construída con grava miúda rosa.

Marrakech, visitámola hai anos, e pasamos días sós, en familia, cos amigos, fixemos varias viaxes a esta marabillosa cidade, pero sempre paga a pena facer unha parada e pasear polo centro da cidade , pola medina, polo zoco, pola praza e polas súas rúas. Hai visitas moi interesantes a realizar como a Medersa de Ben Yousef, diversos pazos entre os que destacaría o da Bahia e o de El Badi, o barrio xudeo ou as tumbas Saadíes. Como xa os coñeciamos dedicámonos a pasear e recordar lugares e rúas.

Desde Marrakech, ao día seguinte cedo, dirixímonos cara ás montañas do Alto Atlas cara ao Val do Dades, pasando por Ouarzazate. Impresionante o cambio de paisaxe, a cor verde do val, pasando do ocre ao vermello, onde se xuntan as montañas e o deserto. Chamounos a atención  a falla de neve absoluta na cordilleira, cando nestas datas adoitaban estar cubertas aínda dun potente manto branco; outra consecuencia da emerxencia climática que está a transformar as paisaxes en todo o mundo.

Ao longo da ruta das Mil kasbash,  seguindo o val do Dades,  atoparás unha das cidades moi interesantes é a cidade de Kelaa-des-Mgouna, é unha cidade pouco coñecida polos turistas que está cara ao sur de Marrocos, lonxe da costa, pero que é recoñecida no resto do país porque alí se elabora a maior parte da auga de rosas que se emprega en cosmética e alimentación. Para facer un só litro de auga de rosas son necesarios uns 3.000 quilos de pétalos de rosa. 

A estrada que percorre a Ruta das Kasbahs, permanece rodeada de palmeiras en case todo o seu tramo. A kasbah en árabe tradúcese como "parte central dunha cidade" ou, máis coloquialmente, como "fortaleza"

Ao longo do percorrido atopámonos cunha serie de fortalezas construídas en adobe con torres almenadas e decoración de ladrillo, que son auténticos poboados fortificados.



O val do Dades comeza en Ouarzarzate e remata en Tineghir e as gargantas do río Todra. Se por algo se lle chama a estrada dos mil kasbash é polo número destas construcións, fortalezas que se atopan no camiño. Fortalezas construídas polos bereberes para defender as súas vidas e as súas posesións.

E é neste val onde pasamos a primeira noite e ao día seguinte visitamos as impresionantes gargantas do río Todra.

Gargantas do rio Todra.


O río para salvar o monte, por medio da erosión, foi construíndo unha garganta con paredes verticais de máis de 300 metros de altura, que son un auténtico paraíso para os escaladores que as visitan para practicar as difíciles ascensións.Fixemos unha parada e entramos no interior do desfiladeiro.  

Seguimos camiño para xantar e despois continuamos cara ao deserto e pasando por lugares cada vez máis auténticos, xente do deserto, os Mazingh máis coñecidos por nós como os "berberes".


Antes de chegar a Merzouga (Erg Chebi), paramos nun centro de extracción de fósiles, vemos a existencia de vida acuática mariña paleozoica e mesozoica no que hoxe é o deserto do Sahara.


O deserto de Erg Chebbi é o máis próximo á fronteira con Alxeria e está situado no extremo sueste de Marrocos. É un dos moitos pequenos desertos de area que compoñen o gran deserto do Sahara; en realidade é un pequeno deserto de area duns 20km de longo por uns 5Qm de ancho, aínda así a paisaxe era moi impresionante .

Deron a posibilidade de durmir nas dunas, nunha haima ou ir a un albergue pero preferimos o albergue.Tamén nos deron a oportunidade de facer un pequeno percorrido nun dromedario pero á vista do mal tratados que se lles ve, reixetámolo parécenos unha barbaridade; esta ben que os habitantes do deserto os utilicen para o transporte xa que lles é imprescindible pero que se organice unha atracción para os turistas baseada no maltrato e "iso non".

                                           

 


Estivemos bastante tempo co grupo co que viaxabamos, logo un mozo achegouse mentres os outros ían cos dromedarios de paseo; primeiro liounos contándonos anécdotas, fíxonos un cadro nas dunas co noso nome, e ao final o que quería era vender recordos do deserto, figuras de dromedarios, minerais e outros souvenirs,  era un rapaz era moi agradable, pero non puidemos comprarlle nada, non porque non  nos interesase o que tiña, senón porque non tiñamos sitio na maleta onde gardalo.

 



 

A noite estrelada, un atardecer incrible, as dunas ao seu carón. O dono do hotel, que se facía chamar "Alí el cojo", era moi agradable e convidounos a unha copa de viño, Alí, curiosamente, tamén era o dono das haimas. Había algúns españois que viñan a facer prácticas de condución en 4x4 polas dunas e quedaron no hotel. Conversamos con eles un tempo e contarónnos o medo que pasaban con Alí cando os levaba e decidía que quería conducir el.


Pastilla. Unha especie de empanada de pichón con améndoas.

Ao día seguinte despois do almorzo fomos a Rissani, Paramos nun mercado, que tiña un aparcadoiro para os burros, onde  tamén se compran e se venden. Esta pequena cidade é considerada a primeira capital de Marrocos e a orixe da familia real do país. Visitamos un mercado tradicional e paseamos polas estreitas rúas da medina. Decatámonos de que, canto máis ao sur, menor presenza ten a masa de turistas e máis se pode apreciar o verdadeiro estilo de vida do interior de Marrocos.

No vídeo podedes ver o mercado e o aparcadoiro dos burros

 
Dende aquí, fomos ata Ouarzazate onde iamos pasar a noite, pero estivemos facendo paradas para gozar das impresionantes paisaxes de palmeirais e fermosas aldeas e Kasbahs de adobe.
 


 
Chegamos a última hora da noite a Ouarzazate, chámanlle a perla do sur, fixemos un pequeno percorrido pola cidade, ceamos e fomos descansar ao hotel ben entrada a noite.
 
Ao día seguinte, quinto día da viaxe, despois do almorzo, visitamos o Kasbat Taurit, noutros tempos era a residencia do pachá de Marrakech, feita de adobe por suposto e con torres almenadas, visitamos o comedor, e o cuarto da favorita, que estaba decorada con estuco pintado e teitos de madeira de cedro.
 

 
 

E como pasa en todas as excursións organizadas, leváronnos a unha tenda de alfombras, ninguén as comprou, son bonitas pero caras e, como as levas no avión?...

 

 
 
 
 
Estivemos en Marrakech coa final do Mundial de 2022 en Qatar, a selección do país clasificouse para os oitavos de final e a festa foi unha tolemia, saíron todos á rúa, motocicletas con familias enteiras pai, nai e fillos todos na mesma moto, coches, bicicletas unha auténtica festa... Déixovos un vídeo, digno de ver. A Koutoubia ao fondo.
 

 
 
 
 
 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Viaxe á Bretaña Francesa Setembro 2020

Fin da Viaxe:Thomson Springs, Rangely, Cheyenne , Denver, Houston.