En Xaneiro 2024 decidimos facer unha viaxe un pouco longa, os lugares pedíano, fomos 15 días a Panamá e outros 15 ao suroeste de EE.UU.
Saímos de Madrid. Unha visita rápida a Ana e a Dani, esa noite durmimos alí e ceamos con eles.
Día 31, voamos. Once horas de viaxe. Para Benito entre os viños que nos deron no avión e un par de tranquimazins, a viaxe foi bastante ben, e eu entre películas e a lectura que tiña no meu ebook, ben tamén.
E chegamos a Panamá.
En primeiro lugar, gustaríame dicir que os panameños/as son moi simpáticos, agradables, atentos e dispostos sempre a axudar. No aeroporto compramos unha tarxeta de datos para dispoñer de conexión e evitar os sablazos de Vodafone, idea inútil xa que, como non quitamos a tarxeta española por si se producia algunha chamada urxente, Vodafone quere cobrarnos 12 euros por día, e claro estamos a facer unha reclamación pedindo que nos devolva todo o que nos meteron nas facturas, case 500 euros. Temos todas as capturas de pantalla que mostran que usamos a tarxeta do país.En fin...
Pedimos un Uber que nos levase ao noso apartamento,O taxista cometeu un erro, e deixounos noutro sitio próximo, pero unha parella moi servicial levounos á nosa rúa. Instalámonos xa era tarde, demos un paseo para situarnos. Decatámonos de que a nosa zona era de oficinas, bancos, pero non había bares para cear, atopamos unha tenda, un "chinito" como lle chaman eles ás tendas de comestibles que están na súa totalidade en mans de orientais.Alí compramos alguhas cousas que ceamos na casa acompañadas dunhas cervexas,e do viño que o dono do apartamento nos deixou como agasallo de benvida, unha botella de viño de España😉.
E fomos para a cama.Estabamos moi cansos, o jet-lag pasa factura.
Viviamos cerca da F&F Tower (anteriormente chamada Revolution Tower e coloquialmente coñecida como El Tornillo.É un rañaceos de oficinas, situado no sector financeiro da cidade de Panamá, Rúa 50. A súa forma é unha innovación para a construción en Panamá e América Latina. Con 242 metros de altura, destaca pola súa forma en espiral, que se asemella a un parafuso-
Á zona onde estaba o noso apartamento
Ao día seguinte, xa descansados, fomos coñecer a cidade. Tiñamos reservado unha visita gratuíta polo casco vello. Como a visita comezaba ás 15:00 horas, decidimos aproveitar a mañá para percorrer a Cinta Costera 1 e 2, xa que a 3 é onde está o casco histórico.A Cinta Costera.é un tramo de terreo recuperado ao mar.Trátase dunha ampla zona pública formada por un paseo marítimo e espazos de lecer, que une a cosmopolita zona de Punta Paitilla.Un gran miradoiro do Pacífico.Vemos unha enorme variedade de aves, pelícanos, garzas,...e un número similar de gaivotas.É un paseo moi agradable aínda que fai moito calor. Temos que ter en conta que estamos na estación seca (novembro a abril) que, aínda que estamos no hemisferio norte, é a máis cálida por iso aquí a estes meses chámanlles "el verano".Ao remate da Cinta atópase o mercado do marisco, un mercado cuberto, rodeado de restaurantes con terrazas onde se pode comer todo tipo de peixe, moitos deles descoñecidos para nós. Non era aínda hora de comer e tomamos un pouco de auga e café, tivemos que facer un descanso a causa da calor .
Chegamos pouco a pouco, camiñando, ao Casco Antiguo. Vese que se está a restaurar, pero aínda quedan moitos edificios en estado ruinoso, onde vive xente sinxela en habitacións nas que entran ata 10 persoas cun baño común por andar.
No noso percorrido pola cidade, vimos pancartas que protestaban pola xentrificación porque obriga a moita xente irse do Casco no que tradicionalment vivía para construír apartamentos para xente rica e para turistas; un problema que está afectando a moitas cidades do mundo como Compostela e que se está empezando a notar noutras cidades de Galicia. Pero Panamá City ten un grave problema de vivenda xa que non pode medrar e a pouca que se constrúe ten un prezo inalcanzable para a maioría. Isto levou a que moita xente se fora a vivir a comunidades nas que se constrúe máis barato ao oeste do Canal, alí existen centos de urbanizacións con prezos asequibles; o problema é que moita desa xente ten que ir a traballar ao centro e o único paso é pola Carretera Panamericana a través da Ponte das Américas e claro, formanse ás horas dos translados enormes atascos, "atrancos" como lle chaman eles, que se extenden por toda a cidade; así as persoas poden tardar horas en chegar ás súas casas.
O noso guía era moi relixioso, visitamos a catedral, que foi restaurada como algunhas das outras 7 igrexas do casco histórico, para a visita do Papa Xoán Paulo II, e están como novas.
A catedral
Explicounos a historia das igrexas, amosounos os edificios restaurados e os que están ocupados por xente máis sinxela e, como dixen, onde viven varias familias.A visita rematou onde comezamos na Praza da Independencia.Seguimos coñecendo a cidade. Había restaurantes Chic, autóctonos vendendo artesanía, teas moi decoradas, con moitas cores.Ao pór do sol fomos tomar unha cervexa nunha terraza con vistas ao Pacífico e ao Puente de las Américas para gozar da hora dourada
Rúa do sombreiro
Terraza con vistas ao Pacífico
Para voltar a casa collemos un Uber e fomos cear a unha taquería preto do apartamento do barrio dos Bancos, nada doutro mundo, e para casa, agardábanos outro día para seguir coñecendo a cidade.
O segundo día decidimos visitar o Canle. Fixémolo en transporte público, toda unha odisea, non tiñamos cargada a tarxeta metro bus, que custa 2$. Preguntamos como facelo e collemos un taxi e fomos a un centro comercial (o día anterior unha señora deunos unha tarxeta pero non estaba cargada) e no centro había unha máquina onde podíamos recargala.E así o fixemos.Despois dunha longa espera collemos o autobús que nos levou ata a estación central de AMBROOK e alí collemos outro que nos levou a Miraflores, o centro de recepción de visitantes. A entrada costounos 17 dólares.
O centro de visitantes de Miraflores ofrece tres niveis de terrazas para observar o funcionamento das esclusas e o paso dos barcos, así como unha sala de cine onde se pode ver unha interesante película sobre a Canle de Panamá e a súa historia.O primeiro que fixemos foi acudir á sala de teatro do centro de visitantes, onde proxectaron unha película moi didáctica sobre a Canle, explicando a historia, os detalles e os obxectivos que ten esta mega construción no futuro.O primeiro intento de construción foi en 1880 polos franceses, durou uns 20 anos, pero acabaron vendendo os seus dereitos a Estados Unidos por 40 millóns de dólares.O primeiro barco estadounidense que cruzou a canle conectando os océanos Atlántico e Pacífico fíxoo en 1914.
Cúmprense 110 anos da inauguración, e é importante sinalar que máis de 8 mil galegos con pico e pa axudaron a construír esta faraónica obra. A súa tarefa principal foi o traslado das vías do ferrocarril, e colaboraron na construción da canle que discorreu paralela a esta liña.
O edificio conta cunha terraza aberta na planta baixa e unhas escaleiras na 1ª planta que permiten observar o funcionamento da canle, o paso dos barcos polas esclusas e o seu movemento.Paga a pena velo. É un espectáculo realmente impresionante ver pasar os enormes Panamaxes (case 300 metros de eslora) guiados por "mulas" (locomotoras eléctricas que traballan en tándem sobre carrís de vía estreita para manter os barcos aliñados).
No momento en que nos achegamos a ver as esclusas, entraba un barco portacontendores e tras del un cruceiro. Vimos como se baleiraba a auga da esclusa para que o barco puidese baixar ao seguinte nivel.A canle ten uns 80 km e tárdase unhas 10 horas en cruzar. No medio está o lago Gatún, desde o que se enchen as comportas a norte e sur.O nivel do océano Atlántico está a uns 10 m sobre o Pacífico, os barcos "soben" ata Gatún e despois "baixan" ao outro océano.Actualmente, co cambio climático, o nivel do lago está a baixar, o que pon en perigo o tráfico de barcos pola canle.
Lago Gatún. É a importante reserva de auga da canle
Pola tarde fomos á Calzada Amador, un enorme espigón que se construíu entre 1908 e 1914 con terra e rochas extraídas das escavacións de Canle.O seu principal obxectivo é protexer a entrada da Canle dos temporais que percorren a baía de Panamá. O lugar formaba orixinalmente parte dun complexo militar estadounidense coñecido como Forte Amador, de aí o nome da estrada.
A idea era ver o museo da diversidade, pero cando chegamos alí estaban pechando, só puidemos ver a parte baixa e os xardíns.O museo foi diseñado polo famoso arquitecto Frank Gehry.O Biomuseo é unha conexión entre ciencia e arte, un museo de historia natural dedicado a Panamá que explora a relación entre a súa biodiversidade e a súa cultura.
O museo.
Continuamos o paseo, pola pasarela construída sobre o mar que chega a un grupo de illas onde había a base militar estadounidense. Agora só queda un laboratorio e centro de investigación da Smitsoniam e algunhas vivendas e centros de ocio-
As vistas son impresionantes cun horizonte formado por rañaceos modernos e o Pacífico.
Hoxe, as illas son zonas de relax e atraccións.Ao rematar a andaina merecíamos unha cervexa e disfrutamos dunha Balboa.
Mañá é o último día en Panamá City. Imos visitar Panamá Viejo que foi o primeiro asentamento español no Pacífico.Trátase dun xacemento arqueolóxico que dende 1519 foi a capital de Panamá ata principios de 1670 cando foi completamente destruído polo pirata inglés Henry Morgan. Posteriormente foi construído nun lugar más protexible e defendible, onde se atopa o Casco Antiguo.
O primeiro que fixemos foi visitar o museo,onde se explica a cultura precolombina, o estilo de vida dos indíxenas, e todo o relacionado coa colonización española.Ao final fixemos un percorrido polos restos arqueolóxicos: a catedral da que só quedan a torre e parte dunha nave, tamén había catro mosteiros: franciscanos, dominicos... coas súas igrexas, o convento das monxas da Concepción.
casas, cuartos dos oficiais, case nada queda en pe, só a estrutura dos edificios. A defensa foi desastrosa e os propios españois prenderon lume á cidade para evitar que se apalancaran os piratas nela.
Ao fondo a torre da catedral e os Rañaceos.
O 4 de febreiro fomos pasar uns días en Portobelo para seguir coñecendo un pouco máis este marabilloso país e collemos un coche de aluguer que reserváramos dende Galicia. Foi un pouco complicado saír da cidade, sufrimos un dos famosos "atrancos" moito tráfico tanto na propia cidade como na autovía a Colón, a capital do norte de Panamá; fixemos unha parada para tomar algo, atravesamos unha selva moi espesa, por estradas secundarias, aldeas onde rapaces disfrazados nos paraban (achegábase o entroido) para pedir unhas moedas...
Polo camiño atopamos un preguiceiro na estrada, son lentos pero moi hábiles nas árbores, no chan manéxanse moi torpes. Pasou un garda que volveu poñer no seu sitio.Tamén había uns mozos da Smitsoniam alí parados, dixéronnos que tivemos moita sorte de poder ver un tan preto, poden pasar anos sen conseguir ver ningún.
Por fin chegamos a Portobelo, onde tiñamos un apartamento alugado. O propietario é de Lisboa e colabora no desenvolvemento da cultura, música e tradicións congolesas. Tamén organizou unha pequena escola para a educación de afrodescendentes e nenos indíxenas, que é outra civilización presente en Portobelo.
O pasado militar de Portobelo queda patente cando chegas á cidade e ves o castro de Santiago que flanquea a estrada. Nas fortificacións pódese ver perfectamente como se fixo a construción con bloques de coral, fáciles de traballar, de transportar e que absorbían ben os impactos dos disparos de canón.Pero o castro de Santiago non é o único, os seus tres irmáns (San Jerónimo, San Fernando e San Fernandino) configuran un conxunto de fortificacións que foron recoñecidas como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1980.
O día que chegamos estaba todo pechado, o único que estaba aberta era unha pizzería, tiña unha pequena terraza con vistas ao mar. A pizza non nos apetecía moito e como tiñamos algo para comer no apartamento, decidimos ir tomar algo, unhas cervexas e despois cear na casa.
Ao día seguinte pola mañá demos un paseo pola vila. Foi moi agradable, as casas estaban pintadas de diferentes cores, as rúas eran moi estreitas. Fixemos unha pequena compra para fornecer o apartamento e todos os supermercados estaban, como sempre, en mans chinesas.Tamén vimos unhas tendas de artesanía, a “pequena escola de baile” onde os nenos aprenden bailes e transmiten a música, a vestimenta e cultura Congo.
A devoción ao Cristo de Portobelo é unha das concentracións de fe máis importantes do país."Durante 243 anos sen interrupción", os devotos do santo peregrinaron dende diversas rexións do país para ver e camiñar xunto ao santo negro.
Pola tarde falamos cun paisano, Eloy, que nos recomendara o propietario do apartamento porque tiña un barco e era o unico medio para chegar ás praias. Contratrátamoloe fomos a visitar La Huerta unha destas praias.
Hai aínda moi pouca concienciación medioambiental no país. É certo que a presión non é tan grande coma no noso país pero a praia estaba chea de plásticos e latas, moi parecido a algunha das nosas praias un fin de semana. Dicir que vimos a unha familia de arxentinos recollendo lixo. Nun lado da praia hai arrecifes, pero moi degradados e só uns poucos están vivos. Comemos unha froita na praia e cando pasaron as 3 horas chegou Eloy e de volta a vila. Acordamos reunirnos con el para ir a outra praia ao día seguinte, a auga estaba moi ben e a temperatura é boísima.
Despois da ducha, fomos á pizzería de Francesco, un italiano instalado na vila que lle deixou a Benito un libro coa biografía de Henry Morgan, o pirata, e acordamos devolverllo. A súa terraza, é a mellor da vila e Francesco é moi agradable.
Como vos contamos, ao día seguinte volvemos con Eloy a facer un percorrido polas praias próximas e ver o manglar. Montamos no seu barco e explicounos a historia, como despois da destrución por parte do pirata Drake do asentamento de Nombre de Dios, os españois organízanse e instálanse en Portobelo, xa que ten unha baía máis protexida e é máis fácil de defender. Pasamos por diante de diferentes castros defensivos, casas particulares ás que só se pode acceder en barco e incluso había un hotel, e fóra da baía paramos e demos un baño en augas cristalinas rodeados de manglares e despois quedamos un par de horas nunha praia chamada "Playa Blanca".
Un dos chiringuitos da praia
Cando estabamos a piques de que nos recollesen da praia, estalou unha forte tormenta, aínda que nos acubillamos nunha mesa cun paraugas, a molladura foi brutal. Eloy díxonos que non era normal para aquelas datas que o tempo estaba volvéndose tolo e que pasaban cousas que nunca tiñan ocurrido, algo que nos atopamos en todalas partes do mundo, fenómenos descoñecidos que está a traer o cambio climático. Na viaxe de volta no barco o motor comezou a facer un ruído estraño, e parou, e quedamos á deriva no Caribe; menos mal que, por casualidade, pasou outro barco que nos remolcou ata Portobelo.Toda unha aventura.
Vista de Portobelo dende o barco
Despois dunha boa ducha, e aínda chovía, fomos cear a Casa Congo, un restaurante con terraza, que pertence á Fundación Cultural Congo, era un pouco caro, pero a causa pagaba a pena.
7 de febreiro. Un día horrible, vento, choiva, moitas ondas, e decidimos ir co noso coche de aluguer a Nombre de Dios que foi o primeiro asentamento dos españois na América continental e que tras ser saqueado e destruído por Drake, os españois se instalaron en Portobelo.Hoxe é unha pequena vila cunha grande praia que estaba intransitable polo temporal; a praia está moi aberta, as ondas chegaban ata as casas e ata a estrada, os efectos da emerxencia climática e da subida do nivel do mar son claros tamén aquí.
O camiño polo que fomos parece unha montaña rusa, tiñamos un pouco de medo pola forma de conducir que teñen os panameños.Pasamos por pequenas aldeas e lugares con paisaxes de selva, moi interesantes, comemos nunha pequena pousada, unha cociña que tiña un mostrador para pedir comida. Comemos peixe con arroz, lentellas e plátano verde, a comida vén nun prato de poliestireno e os cubertos de plástico, e cunha coca, custounos 9$.
Antes do anoitecer volvimos a Portobelo, despedímonos de Francesco e fomos cear á casa, mañá nos imos ao Val de Antón, que é o noso novo destino.
El Valle de Antón é unha localidade situada na zona nordeste do concello do mesmo nome, na provincia de Coclé, Panamá.É unha vila de 7.602 habitantes dedicado en grande medida ao turismo rural. Está situado dentro do segundo cráter volcánico máis grande do mundo. Un oasis de tranquilidade e orde co inconveniente de que hai moito turismo.
Para chegar ao Val fomos primeiro pola autovía transístmica que, como o seu nome indica cruza o itsmo centroamericano de norte a sur, logo conectamos coa Panamericana cerca de Panamá City, unha arteria que vén de Arxentina e chega a EEUU. Nesta zona do entorno da capital era un pouco perigosa e con moitísimo tráfico e "atrancos", tiña entradas laterais polas que chegan os coches facendo auténticos disparates e a grande velocidade, hai que adaptarse a esta forma de conducir. A ambos os dous lados hai tendas, restaurantes, supermercados chineses, diferentes igrexas relixiosas, nas beiras todo tipo de postos de venda de papaias, laranxas, piñas, carne de todo tipo, plantas, materiais de construcción, sombreiros e todo o que se poda un imaxinar. A medida que nos alonxamos da capital o tráfico vaise facendo máis tranquilo.
Tiñamos alugada unha cabana , con todas as comodidades. Unha vez instalados fomos ver a zona, tomamos algo e logo cansos da viaxe decidimos ir á cabana para cear.
Pola mañá almorzamos na casa e imos explorar os arredores do val, facendo un camiño que sobe ata a India adormecida, unha montaña con ese perfil.Cobran $3 por entrar, o percorrido comeza na selva, por un camiño á beira do río ata chegar ás Pedras pintadas, gravadas na rocha, petróglifos, eran moi semellantes aos nosos, con formas de espiral,labirintos.
India adormecida,
A xente da zona pintou as liñas para resaltalas e non se decata da súa degradación.
Queriamos chegar ao monte, pero o camiño era pedregoso e irregular. Decidimos comer alí, para ter tempo de visitar o xardín das bolboretas,pero picáronme os mosquitos, e tiven que ir a unha farmacia para mercar unha crema antibiótica, non fose a infectarse a picadura.
Despois de comer na montaña baixamos á cidade, e como vos dixen achegámonos á granxa de bolboretas, (3 dólares a entrada). É pequena, pero moi interesante. A guía explicounos o camuflaxe, as cores, a comida, e algunhas características dos comportamentos.Explícanos as consecuencias do cambio climático, ausencia de baixas temperaturas no inverno, falta de choiva, e como consecuencia diso, das 24 especies que puideron reproducirse polo de agora xa desapareceron 6.
Como é o último día da estancia, porque ao día seguinte iamos a Santiago de Veraguas,e queriamos ir ao zoo, porque nos dixeran que os animais estaban ben coidados, pero xa non quedaba tempo, así que decidimos ir ao día seguinte antes de facer a ruta.
Mentres camiñamos atopamos este pequeno museo e como tiñamos algo de tempo co cambio de plans, entramos a visitalo. Posúe unha colección da historia do val, arte precolombina, arte relixiosa, etnografía dos séculos XIX e XX, artesanía, pintura e mesmo información xeolóxica.Explicounos o museo unha rapaza que traballaba nel. O museo homenaxea a Victoriano Lorenzo (1867-1903), heroe indíxena da Guerra dos Mil Días, que chegou a ser xeneral e loitou toda a súa vida contra as inxustizas do goberno conservador.
Cando saímos fomos cear a un restaurante de carne, eu pedín unha pizza e Benito tomou un chuletón, dixo que impresionante!!!!!!
Ao día seguinte, despois de almorzar e recoller todo fomos ao zoo, tal e como tiñamos organizado.Non era o que nos contaron, gaiolas sucias, animales mal cuidados, pero vimos a fauna típica panameña, que doutro xeito non veríamos. Aínda así saímos con mal sabor de boca porque se notaba que a maioría dos animais sufrían nas súas gaiolas. O precio de entrada era7$.
Collemos o coche camiño de Santiago de Veraguas. Desta vez fomos a un hotel, estaba na entrada da cidade, o centro estaba a media hora andando.Estaban en entroido pero cando chegamos xa rematara porque dura de 12:00 a 18:00 para evitar o caos xas que ao panameños gústalles moito privar e logo póñense violentos e hai trifulcas, feridos e mortos, cando chegamos os varredores estaban limpando as rúas.Visitamos a catedral por fóra, ocre e branca, estaban rezando o rosario, os santos eran os típicos: San Antonio, San Matrín de Porres, Santa Rita.
Queriamos comer algo, preguntámoslle ao home que varría polas rúas por onde podíamos ir, e mandounos a unha zona onde estaban os que estiveran no entroido. Alí collias a comida nun quiosco, e despois comíalo nuns bancos comúns. Cheiraba a fritanga e decidimos volver ao hotel, non había moito onde escoller.Polo camiño atopamos un bar onde fan pizzas, Pizzas Hippy, deliciosas por certo.O centro da cidade que fora no seu día unha zona colonial, hoxe ocupada por diversos negocios con aspecto de centro comercial onde se venden roupa, artigos de plástico, electrónica, mobles, menaxe, a maioría rexentado por libaneses ou chineses.Tamén había 3 ou 4 casinos, supoñemos xogos de azar e apostas e casas de empeño onde os panameños, para afrontar o entroido e poder comprar alcohol, empeñan todo o que poden. A publicidade de todos estes negocios estragan a rúa central, e a cidade está bastante abandonada nos arredores.
Ao día seguinte, despois do almorzo percorremos de novo a cidade, dirixímonos ao centro.
O entroido durou unha semana, así que decidimos agardar ao día seguinte para ver como o celebraban. A policía nun cruzamento repartiu estes folletos entre os coches.
Sorprendeunos que na praza onde se vai celebrar o entroido se está a montar unha estrutura con valados e había moita policía.Pechan
a praza cun valado dobre para evitar que a xente pase bebidas,
coitelos ou outras armas aos que están dentro (preguntámolo á policía, e así o
confirmaron). Só deixan pasar auga e cachean a todo o que entra.Ás
12h comeza a entrar a xente pero a festa comeza ás 14h e xa hai 4 cisternas botan auga sobre a xente cunha mangueira dende o alto da cisterna, "la mojaita". Pódense ver grupos con caixas de
poliestireno ou grandes refrixeradores de praia, con cervexas e xeo, e como non poden entrar no recinto con eles, pero beben primeiro, saen a
beber de novo e despois cando remata a festa.A policía dinos que os horarios e a vixilancia son para evitar a violencia, de aí o dobre valado.Ás 14.00 horas regan con forza as mangueiras do alto dunha casa, un DJ pincha requetón e a música é moi alta, a todo volumen.Os mozos bailan, visten roupa de praia.Na rúa venden bolsas para protexer o móbil da auga e a xente baila con moita ilusión.
Control policial para entrar no recinto.
Ao redor das 16.00 saímos da festa e fomos ao hotel, a calor era insoportable, volvemos sobre as 18.30 e xa estaban limpando as rúas, a festa rematara, e a vila estaba practicamente tranquila. Demos un paseo, ceamos e fomos ao hotel, non había nada que facer.
Levabamos días de moita calor e tiñamos ganas de ir á praia uns días, así que decidimos escoller El Venao, que é máis unha zona de surfistas, pero esquecémonos de facer reserva para os días que nos quedaban, e era o único razoable na zona Sur, xa que había que volver á cidade de Panamá, e logo voar a EEUU e non nos quedaba moito tempo, miramos a distancia, era bastante e con moitos "atrancos". Pero non nos arrepentimos, foi xenial, estivemos moi cómodos.
O 12 de febreiro, ao saír co coche cara a Panaamericana fomos vítimas de "LA MORDIDA" vouvos contar como foi: Ao saír do hotel, Benito buscaba un sitio para cambiar de dirección, viu que o facían varios coches onde a medianera abriase a un carril para cruzar, segue os coches que tamén estaban cambiando de dirección e a uns 100 metros un policía mándalle parar, baixa a xanela e dille que cometeu unha infracción e dille que saia do coche e que lle mostre "lisensia".
Benito sorprendeuse de que lle ordenase baixar.
O que pasou:
Policia: Cambiaches de dirección e estaba prohibido, tes unha multa de 75 Balboas.
Benito: Pero home, eu só seguía a outros condutores, que facían a mesma manobra, mira que non son de aquí.
-Si, pois é un problema, por que non poderás saír do país ata que a multa sexa tramitada e pagada.
-Pero por Deus non había perigo, non o tiven en conta, case chorando
-Podemos arranxar isto, entre nós se queres.
Benito calculando o que lle ía dar, e dille que che parece se lle dou $20?
-Está ben señor, pero non me des o diñeiro.Envólveo nun anaco de papel e bótao pola xanela cando retires o coche.
-Vale, bos días.
Benito envolveu os cartos e deumos para que os botase dende a xanela mentres o axente paraba o tráfico e díxolle que se metese na estrada e continuase o seu camiño.
Pasamos por pobos moi interesantes, onde están a celebrar o entroido, máis tranquilos que a de Santiago, pero o mesmo modelo, non hai disfraces, só música de perreo, e bebida.
Ao mediodía chegamos ao Meredith Lodge, unha casa grande con terrazas, con vistas ao mar. A habitación é cómoda, con baño e hai unha cociña compartida co resto dos hóspedes.Deixamos as nosas cousas e fomos ver a praia. Vai unha calor abafante Pola praia chegamos ao centro e fomos ao supermercado e fixemos unha pequena compra, despois fomos para a casa e tomamos unha ensalada no lodge e unha cervexa. na terraza.Ás 22.00 horas tiñan o costume de pechar a porta, e fomos ao noso cuarto.
13 de febreiro. Hoxe, despois dun longo almorzo decidimos ir á praia, a marea estaba moi baixa e Benito tivo unha boa carreira na area mollada. Comemos unha froita na praia e volvemos ao hotel, ía moita calor, ao pór do sol volvemos e decidimos cear no chiringuito.
Día 14, o penúltimo día en Panamá, mañá voamos a Los Ángeles e temos que volver á cidade de Panamá. Chegamos tarde, había moitos atascos; menos mal que tiñamos reservado un hotel preto da oficina onde íamos devolver o coche.
Para chegar de Venao á cidade de Panamá, a paisaxe xa non era a selva, verde, senón ocre e amarela, seca, os outeiros cubertos de herbáceas e poucas árbores, cruzamos a Ponte das Américas que pasa sobre a canle e chegamos. arredor das 6 da tarde.Despois de deixar o coche, fomos ao hotel e logo cear, Benito pediu un sacoho, unha sopa típica con espiga de millo e costela de tenreira, dixo que estaba delicioso, eu nin o probei.
A Ponte das Américas
Saímos de Panamá, a xente é moi simpática e acolledora, agás a policía... Imos 15 días a EE. UU ao oeste, pero iso é para outra historia.Xa vos contarei.
Este era o entroido que esperabamos atopar, e foi por casualidade, porque o que vimos foron mangueiras de auga e música de perreo.
Foi unha viaxe pensada con responsabilidade, tanto para nós como con quen nos atoparamos, tendo sempre moi en conta a pandemia do COVID19. O 8 de setembro, antes de entrar na Bretaña, pasamos dúas noites na Navarra, en Santesteban, e moi cerquiña desta vila, atópase o Parque natural Señorio de Bertiz . Un recuncho verde de gran beleza no Perineo occidental navarro, á beira do río Bidasoa, demos un bo paseo polo parque, non estaba moi concorrido, pero si había ambiente e todos respectándonos, cada un coa súa máscara, sen aglomeracións. Chamounos a atención como os paisanos da vila tiñan permiso para recoller libremente cogomelos en todo o parque. En Galicia, non hai que pedir permiso, nós non o tiñamos ni tampouco onde cociñar, estabamos aloxados nun hostal de Santesteban. Señorio de Bertiz Camiño da Bretaña, os tres primeiros días fomos de cámping, onde alugamos un bungaló: “el Campilo”, que se atopa na rexión da Vendée e desde el fixemos varias visitas a La...
Esta viaxe foi inesquecible, estivemos do 25 de xaneiro ao 24 de marzo. Vouvos falar dos lugares que visitamos e contar un pouquiño do que alí fixemos. Agardo que desfrutedes connosco. Neste tempo visitamos Singapur, Vietnam, Cambodia e Tailandia. Rematou a viaxe a Singapur., que xa compartin con todos vós, seguimos a nosa viaxe. Agora imos a Vietnam. 29 de Xaneiro Día de traslado de Singapur camiño de Vietnam . Fomos ao aeroporto nun Grab, ás 17:30 e chegamos a Hanoi, cambiamos cartos e compramos tarxetas de datos, esperábanos un taxista que acordamos previamente co propietario do piso, cobrounos 350.000 Dong, 1E= 25.000, chámanlle 25K. Estivemos en Vietnam do 29 de xaneiro ao 23 de febreiro, viaxamos por toda a costa ata Chau Doc. Impresionante país e cidadáns. Gustounos moito , cando rematou a viaxe a Vietnam, seguimos uns 15 días máis, queriamos ver Cambodia e algo de Tailandia , xa vos contarei un pouco máis adiante, ...
Comentarios
Publicar un comentario