Suroeste dos EEUU.Febreiro 2024

Deixamos Panamá e imos cara ao suroeste dos Estados Unidos onde pasaremos 15 días, hoxe é 15 de febreiro, 

Voamos a Los Ángeles e coma sempre a rutina dos traslados, un Uber ao aeroporto, as tarxetas de embarque (facíamos escala en San Salvador), o control de pasaportes, control da equipaxe e unha vez dentro tomamos un café e agardamos ata que embarcamos. Chegamos moi tarde a Los Ángeles e o proceso de control de inmigración é lento, somos moitos pasaxeiros e poucos policías, pasamos o control sen problema e ao saír collemos un autobús cara a zona de taxis e descargamos Lyft, unha aplicación de taxis que funciona moi ben xa que temos tido problemas con Uber noutras ocasións en EE.UU. O taxi levounos ao apartamento pero custounos máis de 60 dólares e, aínda que foi un traxecto moi longo, démonos conta de que nesta cidade interesaba utilizar transporte público e deixar os taxis para os casos imprescindibles.

Chegamos ao piso despois das 11 da noite, morrendo de fame, non había nada aberto, pouca vida na zona. O apartamento estaba en unha zona de casas baixas e pequenos negocios e a maioría dos habitantes eran hispanos, case todos mexicanos. Iso gustounos , os mexicanos son xente moi "friendly" e sempre disposta a proporcionarche calquera axuda, a solidariedade é fundamental entre eles e con calquera que fale español xa que ao vir de fóra están acostumados a axudar ao que acaba de chegar e desvívense por facelo; pero sobre todo é xente moi aberta e amigable coa que podes charlar e escoitar as súas experiencias. Menos mal que había un Pizza Hut 24horas cerca , alí collemos unha pizza e levámola ao apartamento, ceamos e fomos para a cama.

16-2- Primeiro día en Los Ángeles, despois do cravo que nos deu o taxista, decidimos utilizar o transporte público, un autobús pasa moi preto do noso piso, pero como non tiñamos tarxeta, fomos camiñando ata a estación do metro e alí mercamos unha para movernos ata Hollywood; a verdade é que esta cidade non nos gustou pero tiñamos que ir a visitala e despois poder opinar. En Hollywood todo era hiperturístico, ducias de tendas de souvenirs, un museo de cera, pequenos museos relacionados co cine. Paseamos polo paseo da fama coas estrelas na beirarrúa, e visitamos o teatro Dolby no exterior que é onde se entregan os Óscar e o centro comercial dos seus arredores. Había moitos mendigos e xente sen teito, algúns tirados polo chan y eso que era o centro do barrio. Noutras ocasións tiñamos visto o problema que supón a xente sen teito nos USA pero en Los Ángeles o problema está máis presente e segundo nos comentan o consumo de fentanilo estase a expandir e a agravalo. No metro, sobre todo nas estacións do centro e de Hollywood, atópase moita xente con evidentes problemas de adicción e de falla de vivenda o que fai que non sexa un medio de transporte moi utilizado a pesar de resolver traslados importantes, en metro poderíase chegar a case todos os lugares de interese da cidade. 






 Xa era hora de comer, fomos a un bar tranquilo e despois de comer fomos ao museo do deseño e ao teatro chinés.


Pola tarde, anoiteceu ás 17:30, achegámonos ao edificio do concello e aos seus arredores, todo estaba moi solitario, e volvemos ao piso, a verdade é que estabamos esgotados.

Ao día seguinte, volvemos coller o transporte público, pero calquera traslado é longo e leva tempo, polo que pasamos moito tempo entre o metro e o autobús. Voltamos ao centro e ao baixar do metro atopamos The Broad Museum, un moderno e espectacular museo de arte contemporánea que conta con algunhas das obras máis destacadas da posguerra de todo o mundo, e de balde. Está situado na Grand Avenue, no centro da cidade, xunto ao Walt Disney Concert Hall e é un museo moi recomendable para calquera que queira coñecer aos artistas contemporáneos americanos.


Financiado polos filántropos Edythe e Eli Broad, alberga máis de 2.000 obras de arte pertencentes á colección Broad, considerada a nivel mundial como unha das maiores coleccións de posguerra. Para Eli Broad, este museo representa unha forma de corresponder á bondade da cidade e "facer que a arte sexa accesible ao maior número de persoas posible"

O museo exhibe unhas 250 obras de 60 artistas que marcan un percorrido cronolóxico pola colección de Broad, que abarca desde os anos 50 ata os 90 e con obras de talentos excepcionais como Jasper Johns, Robert Rauschenberg, Andy Warhol ou Roy Lichtenstein.

O arquitecto do museo foi Frank Gehry, que deseñou o Museo Guggenheim de Bilbao e o primeiro edificio que o arquitecto construíu en América Latina, en Panamá, foi o Museo da Biodiversidade.
 
 






Despois desta visita, fomos a Beverly Hills, obrigado. Percorremos as súas rúas, todas as tendas de luxo que vos imaxinades, e ademais sen sabelo pasamos por outro museo moi divertido, o Lavado de Cerebro, O Museo de Arte Mr. Brainwash de Los Ángeles é unha explosión de cores, cultura pop e diversión artística, está cheo de obras coñecidas tuneadas e montaxes diversos. Se buscas unha experiencia de museo diferente a ningunha outra, chea de enerxía vibrante e instalacións lúdicas, e que tamén resultou gratuíta para nós xa que o porteiro estaba deixando pasar un grupo e permitiunos pasar tamén a nós.

 
 
Fixemos moitas fotos, todas chamaron a atención.O Museo de Arte Mr. Brainwash



Gozamos dunha posta de sol colorida, que inunda o paseo pola praia de dourado a vermello.


Xa se facía tarde e aínda tiñamos que coller o metro para chegar á estación máis próxima ao apartamento (media hora camiñando, unha vez que baixamos do metro). Decidimos comer algo en Santa Mónica, estaba case todo cheo, e o bar que nos podía servir un pouco máis rápido tiña quesadillas e hamburguesas, pedimos quesadillas que estaban ben boas e unhas cervexas.

Ao día seguinte saímos cara a Arizona, e toda a viaxe que nos queda farémola en coche de aluguer que recolleremos no aeroporto.

Imos camiño de Ajo, lugar de paso ao lado da reserva de cactos que queremos visitar, para pasar unha noite, porque a idea é ir pasar uns días en Tucson. A saída de Los Ángeles foi un pouco confusa, con mogollón de cruces e estradas, ata que collemos a autoestrada de Phoenix para logo desviarnos e chegar a Ajo. Gañamos unha hora máis en Arizona que está xa no seguinte fuso horario, pero aínda así, cando chegamos á casa de Brigitte ás 20:30 horas, tardísimo para eles, díxonos que en Ajo estaba todo pechado, que non había sitio para cear e aproveitamos un burrito que ficara da comida e menos mal, o quentamos no microondas e esa foi a nosa cea, xa que non había nada que facer, fomos durmir.
 O motivo da estancia en Ajo foi que queriamos visitar o Monumento Nacional do Orgam Pipe, dedicado ao Organ Pipe, un dos cactos máis característicos de Sonora.



Ao día seguinte, Brigitte e o seu compañeiro anímannos a parar primeiro en Ajo e visitalo, quéixanse de que todo o mundo vén visitar a OPNM pero ninguén para alí. Ajo é unha vila pequena, que naceu a carón dunha mina de cobre pechada xa hai tempo e que foi o motivo do seu nacemento, fomos tomar un café a unha terraza, despois demos un paseo e miráronnos con curiosidade, ao final da mañá, xa nos saudaba todo o mundo, a xente era moi amable e acolledora.


 

 
O ceo é espectacular, dun azul turquesa intenso. Polo camiño imos entrando en contacto coa vexetación típica do deserto de Sonora xa que o día anterior fixeramos o recorrido por Arizona xa de noite. Cando chegamos ao centro de visitantes, déronnos toda a información sobre os Organ Pipe, os sanguaros e outros cactos e sobre a civilización TOHONO OÓDHAM, os primitivos habitantes da zona que recollían os froitos dos cactos e procesábano obtendo unha parte da súa dieta. Tamén atopaban caza suficiente para sobrevivir en pequenas poboacións nesta zona case desértica. En realidade o clima desta zona é monzónico seco e hai algúns días no ano nos que chove torrencialmente; polas estradas vense moitos carteis advertindo da posibilidade de riadas indicando que vaias a partes altas para fuxir da auga. Esta auga é a que aproveita a vexetación para sobrevivir e permitir que sobrevivan moitos animais e, nos seus tempos, as tribos indias.

Actualmente a nación Tohono O'dam ten o seu territorio. Tentamos buscar a capital, unha vila  no deserto pero perdémonos moitas veces por camiños de terra e ao final démonos por vencidos. Segundo nos contaron, agora son os donos dos casinos de Tucson. Tamén comprobamos que teñen unha cultura moi rica, que seguen conservando as súas crenzas, aínda que foron vítimas da evanxelización levada a cabo por xesuítas e franciscanos de España e foron asimilando o catolicismo. Hai exposicións sobre eles en centros de visitantes e museos.





Un Organ Pipe e un Sanguaro

Pola tarde chegamos a Tucson, temos un apartamento nunha casa histórica ben bonita e céntrica e temos unha tarxeta para aparcar diante da casa, xenial.

Saímos a ver a cidade e a rúa principal estaba moi preto. A arteria principal ten tendas vintage, bares, algúns supermercados, é unha cidade moi agradable, é pequena e abarcable a pesar de ter un millón de habitantes, moi ben organizada, con bo transporte público gratuíto, con actividades culturais e sociais, é a sede da Universidade de Arizona.

 
Ao día seguinte seguimos explorando a cidade, volvemos á rúa 4 a central, entramos nunha tenda vintage e chic, tomamos un café que estaba delicioso e despois dirixímonos ao centro de Tucson, a onde naceu a cidade, nun antigo castro español "o Presidium"; un presidio era un forte onde os colonizadores españois se defendían dos ataques dos apaches, unhas tribus que non se deixaron evanxelizar e que eran moi belixerantes. Onde estaba o presidio construiuse despois o primeiro edificio xudicial que hoxe alberga un centro de visitantes e ten un  pequeno pero importante museo de minerais e rochas.
 
 




Un pouco de historia: O presidio foi construído polos españois a finais do século XVIII, cando entraron dende Nova España cara ao norte. Foi unha estrutura defensiva que comezou en 1778 e que se rematou en 1783, o obxectivo era defenderse dos ataques dos apaches que foron derrotados en Tucson. Abandonárono despois da Guerra de Independencia de México e pasou a ser dominio dos Estados Unidos por 10 millóns de dólares en 1853 e en 1916 foi demolido.Hoxe é un centro de visitantes dirixido por voluntarios moi simpáticos. Despois da visita achegámonos a un bloque reconvertido en mercado artesán cun patio con música en directo, xa non ceamos alí, xa que sabiamos dun restaurante moi ben valorado preto do noso apartamento, pero si quedamos un tempo a escoitar e tomamos unha cervexa. 

O restaurante ao que fomos cear estaba rexentado por un xeólogo indio, e a comida servíase nun prato de papel, cun garfo de plástico e acompañada dun batido de mango e iogur, non serven alcohol, a verdade é que todo era moi delicioso (pero é unha mágoa usar tanto plástico...)
 

21 de febreiro.
Hoxe fomos pola mañá a ver unha misión construída polos franciscanos españois,  San Xavier, que despois asistiron xesuítas, foi derrubada a principios de século pero as forzas locais volveron a restaurala, hoxe é un monumento emblemático da zona. . Hai a figura dun santo do século X, e outra dunha muller indíxena, Santa Kateri Tekakwisha, é unha igrexa moi vistosa.


 


Un Sanguaro e a imaxe de Santa Kateri


Cando iamos ao coche vimos un corredor de estrada (correcamiños), e intentamos facer unha foto. Aí está no muro.😉
 



Atopar un supermercado con froitas e verduras...non existe, estamos condenados, como xa vos dixen, a comer comida lixo.
O último día imos visitar o orixinal e primeiro centro de Las Vegas, na rúa Freeman. Aquí é onde se atopan as capelas de vodas, unha delas anuncia que Alaska e Mario Vaquerizo casaron, fíxonos rir.
No bulevar, onde estivemos os outros días, case non hai xente durante o día, ateínase pola noite, en cambio, Feeman Street ten moita animación e é moi vistosa, non están os espectaculares hoteis casino como os viramos os outros días, pero ten o seu engado .



E aquí renovamos os nosos votos jajaja


Unha vez que se chega ao centro, a rúa está cuberta por unha gran pantalla pechada que bloquea a luz do día e debaixo proxéctanse imaxes moi atractivas que dan unha sensación nocturna a plena luz do día.
Como xa vos dixen, no bulevar ,era case obrigatorio entrar nos casinos, cheiraba a tabaco coma noutras épocas nos que vivimos, pódese entrar no casino, non hai limitacións de ningún tipo, nin idade, nin roupa, eu tentei, como unha broma, nunha máquina tragamonedas e nada 4 $, que perdín claro.


Ao día seguinte, 28 de febreiro, tivemos un longo día en coche, marchamos para Bakersfield, pero queriamos parar a ver o Val da Morte. Vouvos contar a ruta.

Ao chegar ao Val fomos ao centro de visitantes de de Furnace Creek, coñecemos as mellores opcións para visitar os lugares máis significativos. Comezamos facendo unha pequena ruta camiñando polo Goldem Canyon aprovitando que non vai demasiada calor.


 Goldem Canyon


Continuamos cara a Blanckwater, zona que constitúe un deserto de sal, na parte baixa do val. Este ano, xa que choveu moito en xaneiro e mesmo houbo inundacións, está cheo de auga pero acada moi pouco nivel. Vese a xente bañándose. No camiño a paisaxe é galáctica e desolada. Hai unha zona denominada pola Paleta Artistas onde a cor das rochas, unha mestura de sedimentos e fluxos volcánicos, mostra unha combinación espectacular.

Tras percorrer todo o val voltamos ao centro de visitantes e, de camiño á nosa cidade, pasamos por unha zona de dunas brancas, que ao solpor píntase en tons amarelo avermellados.

O lema do parque é con razón: Deepest, Hottest, Driest e aínda que estamos en Febreiro pódese entender que este sexa o lugar máis profundo, máis quente e máis seco do planeta (ou case).




Death Valley




Seguimos despois desta visita ao noso novo destino Bakersfield, alugamos, unha típica casa histórica, pero ben restaurada e coidada e moi amplaa. Polo camiño compramos comestibles, xa que sabiamos que íamos chegar tarde, e ceamos tranquilamente na casa.

A idea de vir a Bakersfield foi porque queriamos visitar o Parque Nacional Sequoia, que está a un par de horas. 

9 de febreiro, visita ao Parque das Sequoia Foi un día marabilloso, gozamos da paisaxe, atravesamos campos cultivados con cítricos, pero pouco a pouco os montes vanse facendo máis empinados, aparecen pequenos pobos e casas no alto do monte, a carón da estrada. Fixemos varias paradas para gozar da paisaxe, unha delas para tomar un café en Porteville, que é a porta de entrada ao Sequoia National Forest e ao Sequoia National Monument.

O noso coche.




As Sequoias e a paisaxe




O parque estaba bastante nevado e con tramos pechados e non puidemos facer ningunha ruta camiñando, foi unha mágoa.

Despois de visitar o parque volvemos ao noso pobo, o ceo estaba espectacular. 
O último día que estivemos na cidade, visitamos o Museo de Historia e Ciencia Natural. Este museo ofrece oportunidades para aprender sobre todo, desde xeoloxía ata bioloxía, paleontoloxía, antropoloxía, anatomía e astronomía. Está no corazón do centro de Bakersfield. É pequeno e anticuado pero moi curioso, e os que o xestionan son moi amables.


Teatro Fox. Con actuacións de cantantes country


E poñendo fin a esta marabillosa viaxe. Quedan dous días para volver a casa, aínda que tivemos algún pequeno contratempo. De volta a Los Ángeles, decidimos alugar unha casiña preto do aeroporto e do concesionario de aluguer de vehículos, para ir ao aeroporto máis cómodo ao día seguinte e devolver o coche.

O chamizo chamábase a cabana, un horror...pequeno, con ducha, sen lavabo, e por riba aquel día choveu moito e pasamos un tempo protexidos da choiva. Menos mal que só foi unha noite

Pero non era só o apartamento. Cando chegou a hora da saída, non puidemos facer check out e iso non nos permitiu volver á cidade para despedirnos, o avión saía ás 7 e tiñamos  tempo, pero ao non poder facer a saída condicionounos, alí estabamos ás tres da tarde..Despois de facer cola para sacar a tarxeta de embarque, dixéronnos que aínda non se podía facer, pasan as horas... unha hora, dúas, tres... e aínda non sabiamos nada, o atraso foi 7 horas que por suposto reclamamos á empresa e ao final fixéronse cargo. 

Ata a próxima






Comentarios

Entradas populares de este blog

Viaxe á Bretaña Francesa Setembro 2020

Viaxe a Panamá e Oeste de EEUU. Xaneiro 2024